Ribadeo de Tapeo

Ata o próximo domingo 25 de maio un total de 33 establecementos hostaleiros de Ribadeo ofrecerán un total de 52 tapas no marco da terceira edición do concurso de tapas Ribadeo de Tapeo. Lamentablemente este ano non poderei formar parte do xurado, como nas dúas edicións anteriores, por estar fora de Galicia a próxima fin de semana, na que se producirá o fallo.

Ribadeo de Tapeo naceu como unha iniciativa da área de dinamización do concello e cunha preocupación: ¿cómo aceptarían os clientes ter que pagar a súa tapa nun concello onde se estila servir unha tapa de balde coas consumicións?. A primeira edición marcou a pauta, con moitos miles de tapas vendidas nunha semana, de maneira que nos anos sucesivos se incrementou de forma substancial o número de establecementos participantes no concurso, cunha oferta certamente destacada pola súa calidade para unha pequena localidade como é Ribadeo.

Claro que os hostaleiros ribadenses toman a cousa en serio. Hai xa bastantes días un dos participantes buscaba consello sobre a súa proposta entre os lectores do blog Salsa de Chiles. Semella que as opinións recibidas foron do seu agrado, xa que presenta ao concurso a tapa para sobre a que pedía consello: confit de pato con falso risoto de xamón e pataca confeitada.

Na oferta dos hostaleiros ribadenses un pode atopar de todo, dende as receitas máis tradicionais (cazola de rabo, guiso de polbo, salpicón, tortilla, empanada, arroz caldoso de polbo) ata outras moito máis elaboradas (solombo de porco ao chocolate con pementos confitados, chula de millo doce con marmelada de pemento doce, gelee de berberechos con crema de gambas aceite de rúcula e gambas en tempura). Naturalmente, non poden faltar as tapas “sorpresa”: tentetieso da miña avoa Marcela, boi con boina, mar de fondo, feira do mar…

Sen dúbida é unha boa desculpa para visitar na próxima fin de semana a Mariña.

One thought on “Ribadeo de Tapeo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *