Canadá declara perigoso un compoñente dos envases plásticos

Segundo leo en consumaseguridad, un dos canais electrónicos do grupo Eroski, as autoridades sanitarias do Canadá veñen de declarar o bisfenol A como substancia perigosa para a saúde. A Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) xa anunciou que vai revisar a súa postura respecto deste elemento, que polo momento é de uso legal.

O disfenol A está na composición, entre outros, de biberóns infantís, materiais de envasado fabricados con policarbonatos, botellas de auga, recubremento interior de latas de conserva, etc. Evidentemente non tódolos envases citados teñen porque conter disfenol A e as autoridades canadenses parecen actuar por prudencia ante posibles efectos negativos.

Casos coma este danse continuamente na industria agroalimentaria. As novas técnicas, os novos aparatos, os novos coñecementos permiten cambiar de idea de un día para outro e o que onte se consideraba inocuo hoxe é perigoso.

O coñecemento da alimentación e todo aquilo que o rodea avanza como tódalas ciencias. Inda lembro que cando era neno moita xente morría dunha enfermidade hoxe descoñecida: o “de repente”. Unha enfermidade que desapareceu cando a xente comezou a escoitar falar do infarto, por exemplo.

¿Imaxinan vostedes a que se ía armar se calquera día nos chega outra nova como a do bisfenol A pero protagonizada pola metilcelulosa?. Non me cansarei de dicir que nestes asuntos hai que ser moi comedido, pero cada día vexo máis imprudentes na rede.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *