Alimentos de temporada

Ás veces, algúns medios desinforman máis que comunican, fundamentalmente polo descoñecemento da realidade de tantos reporteiros todoterreo que hai polas redaccións adiante. Tal é o caso da reportaxe emitida pola TVG sobre a ausencia de produtos galegos nos supermercados, que se basea fundamentalmente na ausencia de patacas, ameixas e pementos de Padrón.

Galicia non produce patacas extratemperás, como Andalucía, así que a mediados de maio o normal é atopar no mercado patacas procedentes de fóra. Calquera pode saber que en Galicia as patacas se colleitan a partir de agosto, con algunhas excepción como as patacas novas da Illa de Arousa, que evidentemente so chegan a mercados locais.

Polo que respecta aos pementos de Padrón, a futura denominación de orixe establecerá no 15 de maio o comezo da tempada de comercialización. Estes días xa se poden mercar pementos de Padrón auténticos, pero non é fácil atopalos fóra da zona de produción e a prezos elevados.

Polo que respecta ás ameixas, moitas zonas teñen veda nos meses de abril e maio.

En resumo, a día de hoxe é case imposible atopar patacas galegas ou pementos de Padrón auténticos en case calquera lugar do mundo, polo tanto, dificilmente os vai haber en Vigo.

A reportaxe, polo tanto, caería polo seu propio pe se non fora certo que incluso en plena colleita é máis fácil atopar patacas de fóra que galegas nos nosos supermercados, cousa que pasa cos pementos ata no mesmo Padrón. As ameixas de Tarragona ou italianas tamén teñen gran presenza no noso mercado, inda que nas épocas de maior produtividade dos bancos galegos quedan un pouco en minoría.

Parte da culpa, naturalmente, é nosa, dos consumidores, que transiximos con todo e non reclamamos nin de coña. Pero os da galega tamén poderían documentarse antes de preparar a reportaxe, non vaia ser que en agosto, para cubrir algún baleiro informativo, saquen o gran reportaxe-denuncia: imposible atopar lampreas en toda Galicia. Como que a tempada vai de xaneiro a maio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *