O triunfo do licor de herbas

Malia que o licor café goce en Galicia dun gran prestixio en amplas capas da poboación e de maneira especial entre algúns grupos de xente nova ligada a fenómenos musicais e artísticos, é o licor de herbas o que domina o mercado, polo menos no referido a bebidas amparadas polo consello regulador das Augardentes e Licores Tradicionais.

En 2007 o consello emitiu máis de 390.000 contraetiquetas (259.178 litros), sendo a primeira ocasión en que a augardente perdía a primeira posición en favor do licor de herbas. Segundo datos do propio consello regulador o ano pasado comercializáronse 116.215 litros de licor de herbas fronte a 103.556 litros de augardente e 34.947 litros de licor café. Quedan fora destes datos todo o licor café, de herbas e augardente que se comercializa á marxe do consello regulador.

Evaristo Rodríguez, presidente do consello, considera que as restriccións ao consumo de alcohol están detrás do evidente cambio nos usos dos consumidores, que na súa opinión “buscan bebidas de menos gradación”.

Segundo a normativa, o grado alcohólico do licor de herbas e o licor café estará entre 15 e 40 grados. Non hai que confundir “licor de herbas” e “augardente de herbas”, xa que a gradación deste último está entre 37,5 e 50 grados e, naturalmente, non leva o engadido de azucre como no caso do licor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *