O pan de “A Troia”

Pan de GuntínVolvo a escribir sobre pan porque me agasallaron con esta estupenda peza procedente do concello de Guntín, na provincia de Lugo. Foi en “A Troia”, un establecemento emprazado na compostelá rúa do mesmo nome e que recomendo a todo o mundo pola calidade dos produtos que alí se poden atopar e a paixón que a súa propietaria, Bernarda Gómez, pon no seu traballo. Pan tradicional procedente dos mellores fornos de Galicia e outros especiais elaborados alí mesmo, unha impresionante oferta de galletas, tortas, biscoitos, pastas… Artesanía pura feita con produtos de primeira calidade e cun ingrediente fundamental: o desexo de ofrecer aos clientes os mellores produtos. “Canela fina”, que diría un castizo.

Para os amantes do bo pan na zona de Compostela direi que este pan de Guntín chega a A Troia tódolos martes e o venres tócalle a quenda ao de Ousá, no tamén lugués concello de Friol. Eu estaba presente cando chegou o envío e as dúas primeiras pezas foron para unha clienta que asegurou que con eso tiña pan para toda a semana. “A min durame fresco ata o próximo luns”, dixo.

A Troia” vende tamén os seus produtos por internet e recentemente os norteamericanos puideron ver na televisión a Bernarda preparando unha empanada. Foi no novo programa do cociñeiro asturiano afincando en Washintong, José Andrés, que en Compostela elixiu dous establecementos de primeira liña para gravar: A Troia e Casa Marcelo.

Por encarga Bernarda tamén prepara tortas de Santiago. A ver se mañá amoso a que teño aínda envoltiña e a podemos comparar coas de orixe industrial que mercan os turistas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *