Viños Casa Filgueira

Vexo na televisión unha reportaxe sobre os viños de Casa Filgueira e conmóveme como Martha Chiossoni de Filgueira di, visiblemente emocionada “sería un plaser poder xevar el vino a Galisia”.

É que Viñedos y Bodegas Filgueira atópase en Uruguai. Todo comezou a principios do século XX cando chegou a terras charrúas o galego Manuel Filgueira, que se converteu nun dos pioneiros da vitivinicultura uruguaia. Martha é a directora da adega e nora de Manuel.

Semella que os Filgueira traballan ben os seus viñedos e os seus viños, e proba diso son os premios acadados no Concurso Internacional de Bruselas, nos Bacchus e nos Zarzillo españois, ou en concursos de Alemaña, Inglaterra, Canadá e Portugal.

A un, que naceu máis preto de Uruguai que de Galicia, que non sabe se naceu na emigración ou leva toda a vida emigrando, sempre o emocionan estas historias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *