Aceite e dúbidas

Acabo de escoitar as últimas novas sobre o tema do aceite de xirasol e non poido quitar da cabeza a un ministro de Sanidade, galego, que para quitarlle ferro ao problema dixo que estaba causado por un “bichito” tan pequeno, tan pequeno que se caía da mesa rompíase. Ao final o bicho medrou coma os “hilillos” de chapapote do vicepresidente do Goberno Mariano Rajoy e acabou convertido na meirande intoxicación colectiva da historia de España. Non sei cantos mortos e eivados causou aquel aceite de colza adulterado, pero a maneira de tratar o problema por parte das autoridades foi moi semellante á actual.

Desta volta parece que o problema está identificado, pero as interrogantes son moitas. A Bernat Soria, ministro de Sanidad e Consumo, éncheselle a boca dicindo que todo o aceite de xirasol hoxe á venda en España está libre de toda sospeita. Vale. ¿E os que mercaron aceite o venres pasado que teñen que facer con el?. Silencio. ¿Dende cando está nos supermercados o aceite adulterado? Silencio. ¿Chegou á industria alimentaria?, ¿Son seguras as conservas, o pan de molde, os “cruasáns”, as gominolas e tantos outros alimentos que se elaboran con aceite de xirasol?. ¿Canto aceite adulterado entrou en España e canto retiraron nesta fin de semana?, ou dito doutra maneira ¿canto aceite adulterado está en paradoiro descoñecido?. ¿Cantas e cales son as marcas que importaron ese aceite de entre as 800 que se comercializan en España?.

E para rematar ¿está o ministro seguro do que di ou pode saírlle o “bichito” pola culata como a Sancho Rof?.

Actualización (29 abril). Xa está na web de Sanidade a lista das primeiras marcas de aceite que o ministerio certifica que non teñen problemas, pero seguimos sen saber nada sobre o aceite vendido antes da fin de semana

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *