Pescaíto ou peixiño frito

A concellería de Cultura do concello de Baiona organizou para a fin de semana unha “Feira de Abril” na que é de supoñer haberá sevillanas, fino, xamón e “pescaíto frito” a tutiplén. Os da asociación cultural Ximbaleu, que se ve que non están pola globalización, contraprogramaron cun “serán na beira do mar”, no que anuncian gaitas, regueifeiros e polbo á feira.

Anunciase un interesante combate culinario: nun curruncho o “pescaíto frito”, enfronte o “polbo á feira”. Imaxino que o polbo acabará tumbando ao peixe grazas á posibilidade de dar os golpes de oito en oito. A cousa non tería máis importancia se non me dera pé para sacar aquí o que hai xa meses aprendín da man de Juan Fernández Casal grazas ao artigo “De fritideiros e artistas”, publicado en “A Estrada. Miscelánea histórica e cultural”, unha publicación periódica do Museo do Pobo Estradense Manuel Reimóndez Portela.

No número de 2006 pódese ler o artigo no que Juan Fernández Casal confirma o que xa me contaran algúns bos coñecedores de Cádiz: case tódalas “freidurías” de peixe gaditanas son propiedade de galegos. E Cádiz é ao berce e paraíso do peixe frito.

Claro que a cousa, segundo nos conta o estradense, vai máis aló: dende comezos do século XIX a práctica totalidade das “freiudurías” de peixe existentes no litoral andaluz non so pertencen a galegos senón que todos eles teñen a mesma orixe: a parroquia estradense de San Pedro de Ancorados. No seu traballo, a partir de documentación e conversas cos vellos da parroquia, recompón parte desta historia descoñecida para a meirande parte dos galegos, que semellamos unha certa tendencia gremial: as pulpeiras concéntranse na parroquia de Arcos (O Carballiño), os “fritidores” de peixe andaluces son galegos de San Pedro de Ancorados (A Estrada) e Soutomaior ten fama de ter máis cociñeiros en Madrid que calquera outro concello galego.

Un dos naturais de Ancorados que acabaron metidos no negocio do peixe frito en Sevilla foi Xosé Castro Bascuas, nacido en 1875. Tivo doce fillos, dos que só se coñece o nome de dous: Manuel e Estrella. Desta filla sábese que viviu dous anos en Ancorados pero que non se afixo e regresou a Sevilla, onde se convertería nunha das glorias da canción popular andaluza: Estrellita Castro.

One thought on “Pescaíto ou peixiño frito

  • 27 de Abril de 2008 at 01:05 01Sun, 27 Apr 2008 01:05:24 +000024.
    Permalink

    Estache ben o asunto eu sendo de alí e non o sabía. Cando llo diga miña nai non o cre.

    Teño que buscar o artigo que citas NA REVISTA “A ESTRADA, MISCELÁNEA HISTÓRICA E CULTURAL”, que o debo ter guindado nalgures na casa.

    Curioso que tamén A Festa gastronómica de A Estrada sexa o Salmón. Por certo é o 17 de Maio este ano. (Coincide coas letras galegas)

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *