¿Churrasco ou costeleta?

A Costela de RomanHai uns días tiven que achegarme a Portomarín e, xa de volta, tentei parar a comer en Casa Sánchez, en Rodeiro, un bo restaurante onde un pode atoparse grandes sorpresas, segundo a tempada: de carne de crocodilo a wagyu (mal chamada Kobe) ou xabaril. Pero estaba pechado.

Así que seguín coa idea fixa de parar no Villanueva de Lalín, antes de que se fixera tarde de máis e acabase comendo un bocadillo en calquera bar da estrada. No canto de pedir o churrasco que case todo o mundo come alí, decidín mirar a carta e antollóuseme unha costeleta de tenreira, que pedín moi pouco feita, coma sempre. E unha ensalada e unha cervexa.

E aproveitando que a camareira non me retirara a carta decidín botarlle unha ollada máis a fondo e sorprendeume ver como o a costeleta, que se anunciaba de 450 gramos aproximadamente, tiña practicamente o mesmo prezo que o churrasco de tenreira: 12 euros a primeira e 11 o segundo. Certo que co churrasco poñen tamén chourizo creoulo, e a ensalada que eu pedín a maiores (1,7 euros), e que lle serven a un tanto churrasco como desexe, aos pouquiños para que sempre estea quente. Pero non é menos certo que estamos a falar de carne de segunda (faldra), fronte a outra de primeira (lombo), e ademais a costeleta era o que os norteamericanos denominan T-bone, é dicir, unha costela coa parte correspondente do solombo. Para min non é o mellor corte do lombo, pero é o máis custoso.

Custoume rematar a carne porque era unha señora costeleta, así que por min que repitan churrasco tanto como queiran. Pero quedeime coa sensación de facer o parvo cada vez que pedimos churrasco, xa que os prezos da materia prima non son para nada equiparables e o traballo de preparación de ambas é semellante: todo á grella.

A próxima vez volverá o mesmo dilema ¿churrasco ou costeleta?.

E xa que falo de carne na grella aproveito para anunciar a apertura dun novo restaurante en Santiago de Compostela: A costela de Román, emprazado na rúa San Pedro de Mezonzo, ao pe mesmo de Casa Román, grupo ao que pertence.

A carta non pode ser máis sinxela: ensalada (mixta ou especial), churrasco, chuleta e chuletón, todo de tenreira. E cinco sobremesas convencionais: flan, torta ao whisky, froita…

O prezo máis alto é o do “menú de chuletón”: 19 euros por un chuletón de medio quilo con patacas e ensalada, sobremesa, bebida e café. O restaurante so abre de xoves a domingo e non me pregunten que tal porque era luns cando o vin, estaba pechado e so sei o que di a carta exposta ao público.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *