Hora de comer

Hora-de-comer2Hoxe é o Día do Libro, así que a media mañá teño cita no concello de Santiago para a presentación de “Hora de comer”, o meu conto infantil de temática gastronómica publicado por Sotelo Blanco na colección Branco de Cores, en colaboración co Consorcio da cidade de Compostela, razón pola que a presentación se realiza no concello e coa asistencia do Alcalde.

Como agasallo deste día tan especial, aquí vos deixo as dúas primeiras páxinas do conto:

Unha badalada solitaria da Berenguela, a campá principal da Catedral, indicoulle a Sara que era momento de volver á casa para a comida. Así que se despediu dos amigos cos que xogaba á biscura polos soportais da Rúa do Vilar e, abrazando forte a coella de trapo que súa nai lle agasallara ao pouco de nacer e á que non deixaba por moito que xa estivera ben deteriorada, botou a andar cara o seu fogar. Quedounos sen dicir que algunhas das primeiras palabras que pronunciara Sara cando arrancou a falar fora o nome da coella: Mimia.

Na Praza das Praterías escoitou o burbullar da auga da fonte e, cando mirou para ela, deuse conta de que Branco de Cores estaba a chiscarlle un ollo, así que decidiu achegarse ata o seu amigo para saudalo.

“¿Onde vas con tanta présa?”, preguntou ou cabalo balanceando no ar a súa cola de cores.

“¿E logo, non escoitaches dar a unha? É hora de comer e ademais teño fame regañada despois de tanto correr e agocharme Vilar arriba e abaixo”, contestou Sara.

“¿Quen puidera comer?” dixo melancólico Branco de Cores, consciente de que os cabalos coma el so se alimentan de soños, dos soños de tódolos nenos que visitan Compostela admirando as súas pedras. “Agarda un momento –dixo- Sube ao meu lombo que che vou ensinar algo”.

E aló vai Sara dacabalo de Branco de Cores por derriba dos tellados da Catedral cara a Praza do Obradorio, á que abre as súas portas o Pazo de Xelmírez e, nun descoido do vixiante da porta, o cabalo meteuse ata a gran sala do pazo. Sara notou de inmediato un recendo delicioso cando o cabalo lle amosou a espléndida empanada que leva nas mans un dos personaxes de pedra alí representados. “Ninguén sabe de que está reenchida, pero un escritor de Mondoñedo, capaz de soñar ata as cousas reais e que se chamou Álvaro Cunqueiro, dixo que era de lamprea e que algúns poden apreciar o seu cheiro por moito que sexa de pedra”, dixo o cabalo, ao que Sara contestou: “Ole moi ben, pero teño fame. Lévame á casa”.

2 thoughts on “Hora de comer

Deixa una resposta a delokos Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *