Xeados de sabores galegos

No pasado Forum Gastronómico Santiago’08 causou sensación o xeado de Tarta de Santiago que presentou a firma Sandro Dessi, inda que desta casa a min o que máis me chamou a atención foi a granita siciliana de amorodos. Fiel ao seu carácter de relacións públicas nato, o propio Sandro me recibiu no seu stand do Salón do Club de Gourmets para anunciarme que xa tiña un novo sabor galego: castaña confeitada co seu biscoito. Naturalmente, probei o xeado de inmediato e sorprendeume o seu nidio sabor a castañas e os tropezóns de biscoito que aledaban a textura.

Pero algo despois comprobei que non era esta a única novidade “galega” en materia de xeados. A marca Gael, de Bergondo, presentaba os seus xeados de crema, elaborados a partir de leite cru pasterizado na propia factoría, entre os que me chamaron a atención dous sabores: albariño e licor café.

No primeiro caso o sabor do viño albariño está claramente nun xeado moi delicado. Trátase, naturalmente, dun sorbete. O de licor café é un xeado de crema que enche a boca por completo. Dúas delicias que non podemos perder de vista.

One thought on “Xeados de sabores galegos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *