A sidra de Galicia

Chantada celebra hoxe a II Feira da Sidra da man de Sidrería Galega, empresa do grupo Rivera, é dicir, dos propietarios de Estrella Galicia, que semella se van especializar en fábricas únicas: a única fábrica de cervexa de Galicia, a única de sidra…

O asunto trae datos interesantes. Galicia é a primeira produtora de mazás de sidra de España. E ademais de maneira abrumadora: 60 millóns de quilos ao ano, fronte a 35 millóns en Asturias e 8 millóns no país vasco. ¿Se aquí so temos unha fábrica e non somos grandes consumidores, a onde vai tanta mazá ou tanta sidra?.

Dun tempo a esta parte o grupo Rivera está dándolle un certo impulso a esta bebida, e alí onde montan un grifo de cervexa poñen outro de sidra. Tamén producen unha sidra ecolóxica, naturalmente a única de Galicia, e ata están exportándoa a Xapón, pero paréceme a min que non hai clientela para tanta mazá, tanta e máis que Asturias e País Vasco xuntos, que son os dous grandes consumidores de sidra en España.

En novembro de 2002 constituíase o consello regulador da denominación de orixe Sidra de Asturias, que naturalmente ampara produtos elaborados na comunidade veciña baixo certas condicións, entre a que se atopa o emprego de mazás asturianas. A súa páxina web fala de 1,6 millóns de litros amparados pola D.O. en 2006, cun incremento do 36 por cento respecto do ano anterior, pero a produción en Asturias é moi superior (45 millóns de litros segundo a Asociación de Lagareros) e unha boa parte desa “outra” sidra se elabora con mazás procedentes de Galicia. A finais do outono na provincia de Lugo é común ver os sacos de mazás agardando a chegada dos camións que antes as transportaban a fábricas asturianas e agora supoño que tamén.

Ante os esmagadores datos de produción de mazá sidreira en Galicia calquera podería pensar que é imprescindible potenciar a creación de novas industrias, primeiro, e unha denominación de orixe de sidra galega despois. Pero probablemente a cousa non teña tanto futuro como parece, a non ser que se poñan antes os medios. A meirande parte das mazás de sidra que se apañan en Galicia proceden de manciñeiras illadas ou de pequenas plantacións sen ningún tipo de coidado, que cada ano que pasa producen menos e así ata que chega a morte da árbore, por causas naturais ou vía motoserra. Imaxino, inda que non teño datos, que a existencia dun fábrica en Chantada estará dando lugar a que pola zona se coide máis a produción de mazás con destino á industria, e xa se sabe que en Galicia, e especialmente no medio rural, as novidades avanzan por contaxio: se o meu veciño coida ben os seus árbores, eu heino facer aínda mellor.

Escanciar ou non?

Asturias é unha gran produtora e consumidora de sidra, pero non a única. A miña primeira viaxe a Alemaña levou ata Frankfurt, onde o primeiro que aprendín é que non tódolos alemáns viven cunha xerra de cervexa na man. A bebida propia do estado de Hesse, cuxa capital é Frankfurt, é o “apfel wine”, que nas tabernas típicas da zona serven en vasos semellantes aos que empregan os asturianos para a sidra… pero cheos ata o borde.

Medio litro de “apfel wine”, é dicir sidra, en cada vaso e a advertencia dos camareiros: “Iste é o noso ‘viño’ típico. Ao comezo igual non lles gusta, pero xa verán cando leven dez vasos…”. Naturalmente, os naturais de Hesse nin escancian nin andan con mandangas. Son, evidentemente, máis prácticos que os asturianos, pero tamén menos creativos, xa que ante a estampa dun escanciador que se quite a dun mostachudo camareiro teutón.

Claro que non todo o mundo ten a habilidade necesaria para escanciar a sidra. Agora lembro os meus anos mozos, estudante de bacharelato, cando organizamos unha excursión de fin de curso que nos levou por toda Asturias ata dar a volta en Santander. Nos días previos á viaxe un compañeiro, do que calarei o nome, dedicouse a ensaiar o arte do escanciado cunha botella de auga. Tiña madeira de líder.

Daquela non había, ou eu non os vin, eses artefactos que teñen un sitio destinado a poñer a botella da sidra, despois de meterlle dentro un tubiño, e outro para o vaso. Aperta un na bomba de goma e o escanciado prodúcese de maneira automática. Todo un prodixio da técnica para o que por métodos naturais so consigue lavar os pés con zume de mazá.

Claro que a técnica evoluciona que a leva o demo e no pasado Salón do Club de Gourmets puiden ver varios artefactos destes da versión 2.0: a sidra saía pola boca dunha cobra verde de dous metros de altura. Pareceume un exemplo de mal gusto poñer a tan maxestuoso animal a cuspir sidra no canto de veleno mortal e botei de menos un destes artefactos representando un gaiteiro que botara a bebida pola punta do roncón.

Coñas aparte, tal e como está a cousa, igual os galegos lle debíamos dedicar algo máis de atención á sidra, que seguramente en tempos pasados foi a bebida propia do país. Un día chegaron os romanos coa vide e perdemos a cabeza polo viño. Os asturianos e os vascos, que non teñen condicións para producir viño, seguiron enganchados á sidra.

2 thoughts on “A sidra de Galicia

  • 22 de Agosto de 2011 at 16:20 04Mon, 22 Aug 2011 16:20:34 +000034.
    Permalink

    Hola, da pena ver como los arboles están cargados de manzanas para al final terminar las manzanas podridas por el suelo por esta razón me gustaría saber a quien puedo dirigirme para vender mis frutas. Gracias anticipadas

    Reply
  • 20 de Abril de 2012 at 01:04 01Fri, 20 Apr 2012 01:04:01 +000001.
    Permalink

    yo,conozco a una persona que compra las manzanas de plantaciones pequeñas y grandes tambien desde hace muchos años

    Reply

Deixa una resposta a rosa Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *