Os sabores galegos de “Matisse”

Fantásticos pero mellorables. Por fin puiden probar os bombóns galegos reenchidos de viños e licores que está a piques de poñer no mercado a firma Selección Matisse e teño que dicir que me pareceron fantásticos inda que penso deberían alixeirar esa capa de azucre que levan tódolos bombóns recheos de líquido, que supoño cumpre a misión de impermeabilizar o chocolate.

Se o conseguen o bombón con recheo de viño mencía vai ser unha das grandes delicatessen galegas dos próximos tempos. Resulta incrible a harmonía entre o chocolate e o viño, o ben que combinan o doce do primeiro e a acidez do segundo. ¡Que treman os de “moncheri”!. Xa digo que o bombón de mencía é para min a estrela, pero non desmerecen nada os de godello, licor de herbas ou mel, que tamén puiden probar no stand da empresa no Salón do Club Gourmets. As castañas en xarope son o outro produto que amosaban no salón e que me resultou sorprendente, xa que o xarope elaborase con viños mencía e godello. As dúas variedades son deliciosas e entroncan coa vella tradición galega da compota de Nadal ou de inverno, elaborada con mazás ou peras (hai unha variedade destas chamada “peras da compota”), viño branco ou tinto, segundo a froita, azucre e canela. O predecesor das peras ao viño, atribuídas a un cociñeiro francés e que en Galicia veñen de vello.

Falei longo tempo con Manuel Mateo, xerente de Selección Matisse, copropietario da adega Val de Lurres que pon os viños e relacionado comercialmente con Suguimar, que fabrica os bombóns, e quedei gratamente sorprendido da súa capacidade de xerar sinerxías e o interese por poñer no mercado produtos galegos cun alto valor engadido.

Da súa cabeza saíu a idea dos bombóns recheos de viños e licores galegos que fabrica a firma Suguimar. E tamén a das castañas con viño, que son doutra empresa luguesa, Alibós, líder no mercado da castaña. Selección Matisse encargarase da comercialización.

Pero na cabeza de Manuel Mateo hai moitas máis ideas e xa pensa en mesturar o chocolate cos queixos galegos, os ourizos, as algas ou os cogomelos. Un día non moi afastado poñerá no mercado unha caixa surtida de bombóns baixo a denominación de “Sabores galegos”.

Esta semana os seus produtos están en Madrid e para a próxima andarán por Nova York, nunha campaña de promoción sinxela de facer porque Manuel Mateo ofrece cousas que se venden por si soas. E mentres, agarda a rematar os trámites de rexistro da marca, agora que os herdeiros do pintor francés Henri Matisse presentaron unha oposición a dito rexistro, oposición que Manuel pensa non vai prosperar.

Queixase do tratamento dado por un xornal galego a este asunto. “O xornalista non se enterou de nada”, di, pero rapidamente cambia de idea e considera que é mellor que falen dun, inda que a información non sexa rigorosa. Aclara que non hai ningunha demanda dos herdeiros do pintor, senón unha oposición ao rexistro da marca, e que o seu “matisse” ven de unir o seu nome e o da súa dona. De feito, a imaxe corporativa da empresa non ten relación ningunha coa obra do pintor francés. Os seus produtos, pola contra si, son tan exquisitos como a obra do pintor fauvista.

One thought on “Os sabores galegos de “Matisse”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *