Unha cervexa, por favor

Achegábase a unha da tarde e despois de toda a mañá camiñando estaba sedento e con gañas dunha cervexa fresquiña que non atopaba por ningures. E ademais un delicioso cheiro a carne asada tíñame tolo mentres dun lado e doutro me ofrecían probar este viño, esta sidra, este queixo, este chourizo. ¡Quero unha cervexa! berrei dentro da miña cabeza.

E de súpeto abriuse o horizonte e cheguei ao curruncho máis concorrido do Salón do Club de Gourmets, a esquina onde Los Norteños promocionaba a súa carne ofrecendo degustacións gratuítas e multitudinarias a esa hora da mañá. Pouco a pouco fun facéndome sitio ata chegar á barra onde acababan de poñer un prato de tenreira á prancha (tenra, saborosa, deliciosa…) ao que che metín unha boa entrada, o mesmo que tódolos que me rodeaban, ao tempo que descubría o gran tesouro: dúas billas de Estrella Galicia que non paraban de botar cervexa para tódolos comedores de carne que se amontoaban naquela esquina. So uns poucos preferían o viño tinto. Collín unha caña e saín da aglomeración satisfacendo a miña sede.

Resulta curioso como a única marca galega vai abríndose sitio nun mercado moi consumidor de cervexa, coma o madrileño, e ademais orgulloso das súa propias marcas: Mahou e Aguila.

Non me sorprendeu que Los Norteños tivera dúas billas de Estrella. Na tarde do luns, acabado de chegar a Madrid, decidín tomar unha caña nun bar calquera da zona de Atocha. Das dúas billas que vin unha anunciaba “River”, a cervexa sen alcohol de Estrella, mentres que á outra quitáranlle o rótulo. Supuxen que sería Estrella porque os dous paisanos que estaban ao meu rente tiñan diante senllas botellas de cervexa galega, “tercios” como se denominan en Madrid, “medias” como se chamaron en tempos en Galicia.

Errei na suposición. Non caín na conta de que os meus veciños de barra, claramente partidarios de Estrella, estarían tomando cañas se na billa houbera cervexa galega. Penso que a cervexa de grifo era Aguila, precisamente a que menos me gusta das dúas marcas madrileñas, pero a caña estaba moi ben tirada, por moito que o taberneiro fora mesmamente o dobre de Cachao nos seus anos mozos. “Merque un contrabaixo e ten traballo seguro na televisión”, dixénlle.

Pero volvamos ao Salón do Club de Gourmets. Bebín a miña Estrella e marchei cara o espazo da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, onde me convidaran a unhas tapas elaboradas con conservas. Pero ese asunto queda para un próximo post.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *