Hoxe pode ser un gran día… para Inés Abril

Hoxe pode ser un gran día para a cociñeira viguesa Inés Abril (restaurante Maruja Limón, de Vigo), que ao longo de toda a mañá competirá no IX Concurso de España de Cociñeiros, organizado pola asociación “Jóvenes Restauradores” e cuxo gañador representará a España no Bocuse d’Or.

Inés é a única muller participante na final, fronte a 11 homes, feito que xa causou as primeiras estrañezas nun concurso no que poucas veces, ou ningunha, teñen visto mulleres na final. Agardemos que este feito non sexa un problema para Inés, despois de que non o fora para Beatriz Sotelo, que se impuxo na final do concurso Cocinero del Año a nove homes na pasada edición de Alimentaria, celebrada en Barcelona.

A final do Concurso de Cociñeiros desenvolvese no marco do Salón do Club de Gourmets e comezou onte, 14 de abril, coa participación dos seis primeiros cociñeiros, entre os que se atopaban os a priori considerados favoritos para o triunfo final, representando a Madrid e País Vasco.

Ao remate da sesión do martes puiden sondear a opinión de algúns membros do xurado, tanto do “cupo” de cociñeiros como do de xornalistas especializados, e en tódolos casos a opinión foi a mesma: o nivel dos participantes é moi dispar e mentres algunhas propostas son interesantes, outras resultan moi floxas. Das conversas saquei a impresión de que os representantes de Madrid e País Vasco non fixeran as cousas todo o ben que se agardaba deles e que as espadas, incluída a de Inés, seguen en alto. Esta tarde saberemos máis.
Houbo queixas sobre a mala organización do concurso, dende pequenos detalles como o feito de que os membros do xurado tiveran que acceder á sala polo seus propios medios xa que non contaban con acreditacións, ata o feito de que o equipamento con que traballa os cociñeiros sexa bastante deficiente, contando con só dous lumes eléctricos.

A presenza galega no concurso non se limita a Inés Abril, senón que tamén hai galegos na organización (Jorge García, do Mesón de Alberto de Lugo) e no xurado (Javier García, de A Rexidora).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *