O viño das mulleres

Segundo leo en La Opinión A Coruña, o viño “Alba de Murviedro” é o resultado dun estudio sobre as preferencias femininas, que deu lugar a un caldo branco, suave, afroitado, doce e refrescante que supón a aposta principal de Bodegas Murviedro, radicada en Requena.

Non é novo isto de identificar á muller con viños brancos suaves e afroitados, inda que no caso que vou comentar de seguido ao mellor había que darlle a volta ao planteamento e dicir que en realidade foi a muller quen se identificou co viño.

Ao longo de 2006 Bodegas Robaliño (Rías Baixas) fixo un estudo de mercado coa xente que visitaba a adega, á que convidaban a catar un monovarietal albariño e un condado, elaborado con albariño e a adición de loureiro e treixadura. Para quen non estea moi posto en viños das Rías Baixas hai que dicir que o condado é o viño típico dunha das cinco subzonas nas que se divide a denominación de orixe Rías Baixas.

Naquela experiencia, segundo me contara Santiago Domínguez, o xerente da adega, os visitantes descoñecían que viño estaban a catar e o único que lles pedían era que indicaran cal dos dous lles gustaba máis, sen entrar en porqués.

Resultou, segundo Domínguez, que as mulleres preferiron, nun 95 por cento, o condado, fronte aos homes que se decantaron maioritariamente polo monovarietal. O xerente da adega pensa que o motivo da preferencia feminina está na menor acidez e maior intensidade aromática do condado, apreciación que, polo visto, ven a confirmar o traballo de Murviedro.

Robaliño comercializa baixo a marca Taranis o viño preferido das súas visitantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *