Altar gastronómico

Un auténtico altar gastronómico foi o que nos atopamos esta maña en Fene no concurso de tapas de cuxo xurado formei parte, na modalidade creativa. Un segundo xurado avaliará mañá as tapas presentadas baixo a categoría de tradicionais.Neste altar so faltaba un santo e un babalao coa botella de ron nunha man e un tremendo vegueiro habanero na outra. No centro o peixe (cazón) protagonista da tapa do local, rodeado do resto de elementos empregados para cociñalo (patacas, sal, cumiño, fairña, aceite…). Na segunda fila, á dereita, o bienmesabe preparado para a degustación e á esquerda un prato decorativo con diversas cousas, supoño que para equilibrar a simetría da mesa. E despois algo de todo: dúas botellas de manzanila vestidas de andaluzas, o mesmo que unha de Rías Baixas e outra de Rioxa. Un vasiño recordo de Chiclana, un microxamón en xamoneiro, con chourizos, morcela e coitelo, todo de plástico, a foto de dúas nenas recomendado a tapa da casa…

Os propietarios do local son gaditanos, así que non é de estrañar a presenza do bienmesabe no concurso de tapas de Fene. Probamos tamén limóns recheos de ansalada rusa, pastel de peixe, polbo con cogomelos e gambas, ovos en cazola, chourizo con ovo de paspallás,ensalada rusa e tartaletas de salpicón. Resumo a esencia de cada tapa para non extenderme máis da conta cos nomes que os autores lles puxeron. A creatividade plasmouse máis na presentación dalgunha das tapas que na cociña en si.

Destacou fundamentalmente a tapa de ovos en cazola, que eran os tradicionais ovos con chourizo, xamón, chícharos, etc., so que neste caso a cazola estaba feita con masa de pan e era tan comestible coma o resto. Mágoa que se lles foi a man no aceite e estaba engraxada de máis.

Moi destacado tamén o montado de ovo de paspallás. Sobre unha rebanda de pan de barra outra de chourizo picante frito e derriba de todo un ovo de paspallás tamén frito. Un conxunto que non me importa que me poñan en calquera sitio para acompañar a cervexa, inda que de creativo teña pouco. Cun pan mellor que o de baguette estaría aínda mellor.

Para min foron as dúas tapas máis destacadas do concurso, que tivo un nivel medio moi interesante para ser a primeira edición. Recomendeille ao alcalde e ao tenente de alcalde, que formaban parte do xurado, organizar un curso de tapas creativas para que o ano próximo poidamos ver algo que encaixe mellor con esa denominación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *