Concurso de tapas en Fene

Ata o próximo domingo (6 de abril) 17 locais de hostalería de Fene (A Coruña) participan no I Concurso de Tapas Concello de Fene, coa obriga de servir as tapas de balde coas consumicións que cadaquén realice.

Como é habitual neste tipo de certames, que cada vez se extenden máis por Galicia adiante para alegría dos afeccionados, hai dúas categorías: tapas tradicionais e tapas innovadoras.

O público poderá participar na concesión dun premio por votación popular, participando ao mesmo tempo no sorteo dunha fin de semana na illa da Toxa.

Haberá ademais un xurado, do que formarei parte, que elixirá entre o luns e o martes próximo a mellor tapa tradicional e a mellor creativa. Xa vos contarei o día 8 á volta de Fene.

(Acabo de caer na conta de que vou ter que ampliar o meu curriculum cun apartado de “xurados gastronómicos”: concursos de tapas de Ribadeo(2 veces) e de Fene, concurso de cociña con filloas da pedra (2 veces), concurso de cortadores de xamón (2 veces), concurso de polbeiras do Forum Gastronómico, concurso de innovación gastronómica tamén no Forum, concurso de cociña da escola de hostalería Fragas do Eume…)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *