¿É o viño un alimento?

A futura lei de drogas que está a preparar a Xunta de Galicia motivou un importante debate entre sanitarios e produtores de viños e os seus derivados, xa que o consello regulador dos augardentes e licores tradicionais aliñouse co sector vitivinícola na petición de que os seus produtos non sexan incluídos en dita lei e equiparados coa cocaína ou o éxtase, por citar algunhas das drogas consideradas “duras”.

Eu, que non coñezo a lei, proxecto, anteproxecto ou o que sexa, non vou opinar sobre ela para non caer no mesmo erro en que están caendo moitos dos comentaristas e contertulios que leo e escoito: falar do que non se coñece.

Así que vou limitarme a falar do que se fala e escribe para comezar dicindo que me parece que o debate ten un ton absolutamente farisaico e falto de reflexión. Semella que todo vale con tal de arrimar a brasa á nosa sardiña.

Escoito na radio algúns médicos e nutricionistas que aseguran que o consumo de alcohol, sexa cal sexa a súa orixe (viño, cervexa, destilados…) é prexudicial para a saúde.

Non sei se son os mesmos médicos que noutras ocasións nos din que unha copa de viño coa comida non so non fai mal senón que axuda a regular non-sei-que-aspectos-do-metabolismo-e-a-fisioloxía-humana. Teño amigos que despois de sufrir un infarto o médico lles receitou un vaso de viño tinto coa comida, o mesmo que tamén coñezo quen o médico lle mandou tomar un refresco de cola despois da comida para axudar á dixestión, cousa que a min me vai moi ben, inda que eu non fora ese paciente do que falo.

Imaxino, polo tanto, que os médicos o que pretenden dicirnos é que o viño pode ser bo ou malo, depende de quen o consuma, cando e canto. Dous litros de viño coa comida, ou entre comidas, seguro que non son bos para ninguén. Unha copa pode ser beneficiosa no caso dun adulto e absolutamente desaconsellada a certas idades. E imaxino que o estado de saúde de cada un tamén terá algo que ver co asunto.

Ao final chegamos a esa vella máxima de que o nocivo non é o produto, senón a dose.

A outra parte implicada no debate, os produtores e comercializadores de viños e augardentes, e polo que leo tamén o Partido Popular, tentan centrar a defensa das súas posicións na cualificación do viño coma un alimento e, loxicamente, sería absurdo cualificar como droga algo que en realidade é alimento. Non me gusta moito o argumento xa que nas boticas, por exemplo, hai medicamentos para loitar contra as enfermidades que ao mesmo tempo se cualifican como drogas (anfetaminas, morfina e tantas outras).

Para rebater ese argumento escoito falar a un médico que asegura que alimento so é aquilo que serve para a nutrición humana e resulta totalmente imprescindible, o que me leva de novo a pensar no asunto da dose: o sal e imprescindible para a vida, pero en exceso pode causar a morte.

Teño un lío na cabeza sobre o que é un alimento que recorro aos dicionarios e so consigo complicarme máis a vida. O da Real Academia Galega di que alimento é “Substancia que contribúe á nutrición dos seres vivos, ó seu desenvolvemento e conservación”, mentres que o Diccionario de la Lengua Española da RAE defíneo como “La comida y bebida que el hombre y los animales toman para subsistir”.

¿Alguén ten argumentos de peso para unha definición mellor?

One thought on “¿É o viño un alimento?

  • 08 de Abril de 2008 at 18:11 06Tue, 08 Apr 2008 18:11:43 +000043.
    Permalink

    Probe co “Codex Alimentarius”

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *