Caviar de lamprea

Os talleres gastronómicos de Santiago Repetirás remataron cunha amena sesión protagonizada por Pepe Solla, que amosou un sistema de limpar a lamprea diferente ao tradicional e cociñou unha lamprea á bordelesa “ao seu modo”. Á proverbial simpatía de Pepe sumouse a do reporteiro da TVG que gravou unha reportaxe ao longo de todo o taller e que deu lugar a momentos moi divertidos.

Unha dos “entretementos” que preparou Solla no taller foi o “caviar de lamprea” que vedes na foto (unha foto bastante regular). Supoño que neste momento todo o mundo está agardando que fale de esferificacións, pero a cousa foi máis sinxela: simplemente cocer na salsa da lamprea unhas “perlas do Xapón”. O resultado sabe, como non podía ser doutra maneira, á salsa da lamprea, é dicir, riquísimo.

As “perlas do Xapón” son unha pequenas boliñas feitas de mandioca que se empregan para espesar sopas ou salsas, pero que teñen outros usos coma o que nos amosou Solla.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *