O timbal de lamprea de Chef Rivera

Os obradoiros gastronómicos do programa Santiago Repetirás reanudáronse no mes de marzo, dedicado á lamprea, coa presenza de Chef Rivera e o seu fillo Alexandre, que ensinaron como limpar e preparar unha lamprea e cociñaron en directo un risoto de lamprea, a ensalada de lamprea con salmón e un dos últimos pratos deste peixe incorporados á carta do seu restaurante: o milfollas de lamprea. Os asistentes puideron tamén probar o famoso timbal de lamprea do Chef, que chegou previamente preparado xa que non era posible, por cuestión de tempo, facelo en directo.

O cociñeiro explicou o sinxelo que resulta a preparación do timbal: fórrase un molde alto con masa de empanada e ponse no seu interior unha lamprea enteira, enroscada, á que se lle deron os piques precisos para que despois se poida servir facilmente. Engádese un sofrito elaborado con aceite de oliva e verduras, cóbrese o timbal cunha capa de masa de empanada e cócese no forno seco a 160 grados. Parece sinxelo.

Para servir o timbal recortase primeiro a tapa, que se corta en triángulos e presentase como se ve na foto. Chef aconsella comer primeiro a tapa, de masa seca, acompañada dun anaco de lamprea, para de seguido dar boa conta do resto do timbal, no que a masa está enchoupada do sofrito e os zumes que no mesmo deitou a lamprea durante a súa cocción.

Sen dúbida algunha, o timbal de lamprea é prato antigo e responde ao que nos receitarios de finais da Idade Media aparece como “pastel” e tamén como “empanada”. Mesmo no comedor do Pazo de Xelmírez, ao pe da Catedral de Santiago de Compostela, aparece unha representación en pedra dunha empanada medieval que ten a mesma pinta que o timbal que prepara o Chef Rivera.

Álvaro Cunqueiro, coa súa fértil imaxinación, chegou a segurar que esa empanada pétrea é de lamprea e que botándolle un pouco de imaxinación pódese captar o seu cheiro. Cunqueiro escribe moitas veces sobre a empanada de lamprea, asegurando sempre que as mellores as comeu en Caldas de Reis. Hoxe semella que non resulta fácil dar con este manxar fóra do restaurante padronés de Chef Rivera.

2 thoughts on “O timbal de lamprea de Chef Rivera

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *