Beatriz Sotelo, cociñeira do ano


Beatriz Sotelo cociñeira de A Estación, acaba de gañar o concurso “Cocinero del Año”, que tivo lugar en Barcelona no marco de Alimentaria. Arredor das 18:15 horas desta tarde o xurado daba a coñecer o resultado, convertendo a Beatriz na primeira muller que gaña o concurso, despois de impoñerse a sete homes na final de Barcelona e a outros oito na semifinal de Xixón.

Na final Beatriz presentou un menú composto de:

Canelón de faisán con xugo de asado e trufa.

Pescada de Celeiro con xugo de pemento verde e pilpil

Biscoito de améndoa, albariño e mazá.

Tamén está de noraboa Inés Abril, do restaurante Maruja Limón de Vigo, que o martes gañaba o campionato galego de cociñeiros, sendo tamén a única muller participante. Inés representará a Galicia no campionato español, que terá lugar no marco do Salón do Club de Gourmets, no próximo mes de abril.

O éxito destas dúas cociñeiras galegas fainos pensar no escaso papel que a muller ten na cociña profesional, un mundo dominado por homes. Malia todo, en Galicia aínda hai un fato de cociñeiras destacadas, tendo que sumar ás protagonistas da semana os nomes de Toñi Vicente, Ana Gago (Casa Pardo), Manicha Bermúdez (A Taberna de Rotilio), Ana García (restaurante Ana, Santiago de Compostela) e tantas outras que agora non me veñen á cabeza ou desenvolven un traballo anónimo.

Parabéns Beatriz e Inés.

NOTA DE AUTOBOMBO: Para un xornalista gastronómico galego a nova do día de hoxe non podía ser outra que o resultado do concurso, especialmente co resultado que tivo. Así que había que estar atentos e dende Colineta estivémolo. Cinco minutos despois de facerse público o fallo do xurado, a nova do triunfo de Beatriz Sotelo estaba xa publicada en Colineta. ¡E iso que non estabamos en Barcelona!. Non me equivoco se aseguro que Colineta foi o primeiro medio escrito que deu a nova en toda España. E digo escrito por se había algunha radio emitindo en directo no momento do fallo.

Dúas horas despois de Colineta facíase eco da nova Granada digital, xa que o terceiro clasificado é granadino. Algúns minutos despois Radio Granada, que imaxino do mesmo grupo que o Granada digital xa que publican o mesmo texto. Galicia Gastronómica foi o terceiro medio en publicar a nova, pero tres horas despois de que o fixera Colineta. E polo momento non hai máis.

MÁIS: Dúas horas máis tarde publica anova a edición dixital de La Opinión Coruña e xa de madrugada as de La Región, La Voz de Galicia e El País.

E MÁIS: na mañá do venres volven os granadinos á carga, agora no Ideal (de Granada). Tamén Galiciae (grupo El Progreso).

6 thoughts on “Beatriz Sotelo, cociñeira do ano

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *