Bloggers e profesionais

Resulta evidente que dun tempo a esta parte hai un verdadeiro enfrontamento entre bloggers e profesionais da información gastronómica, falando os primeiros dos intereses dos segundos e as prebendas, mentres os profesionais acusan aos primeiros de inexperiencia, falla de coñecementos e de escudarse no anonimato.

Eu estou no medio na lea, inda que procuro falar o menos posible para que non me caian todas encima, xa que teño unha faceta de blogger con esta Colineta e outra de profesional con columna fixa en El Progreso, programa en Radio Galicia-Cadena Ser e outras varias ocupacións polas que cobro e das que vivo, todas relacionadas coa gastronomía.

Así que unha de dúas, ou me poño en plan vítima e recibo dos bloggers na meixela de profesional e dos profesionais na meixela dos bloggers, ou interpreto o papel de martelo de herexes e zumbo a destra e sinistra.

Comparto cos profesionais a teima do anonimato. Cada vez aguanto menos aos que se amparan no anonimato para publicar o que lles ven en gaña, sexa certo ou non e sen saber nunca, inda que se intúa, a que interese responden as súas falcatruadas. Desgraciadamente, hai anónimos nos comentarios, pero tamén hai blogs elaborados por persoas anónimas. Non é naturalmente, o caso dos que publican baixo un nick ou pseudónimo pero cuxa personalidade é coñecida por todos. Ben, cos profesionais comparto máis cousas, pero non é cuestión de estenderse máis da conta.

Cos bloggers comparto a percepción de que o mundo dos profesionais non é tan marabilloso nin tan cristalino como se quere dar a entender. E como profesional falo con coñecemento de causa.

Xustificase toda esta perorata co obxectivo de falar do recorte que reproduzo xunto co post, que saco de “VS el magazine del vino, la gastronomía y más” (nº 13, marzo de 2008), unha revista mensual editada por Vinoselección que recibo xunto con El Progreso un sábado cada mes. O texto son os dous últimos parágrafos dun texto de cinco, titulado “¿Quién critica al crítico?” e que asina “El Príncipe”. Eu non estou moi posto nesto dos pseudónimos e a súa correspondencia na vida real, pero dado o que escribe e, sobre todo, como o escribe, pensei de inmediato en Joaquín Merino, comprobando de seguido que aparece no staf como colaborador. Así que estou seguro de que é el porque neses anos 1974 e 1975, con 17 ou 18 anos, eu era un dos seus seguidores en Radio Nacional de España, que era a única emisora que entón se escoitaba no Valadouro. Non perdía eu nunca as charlas de Joaquín Merino, falando de gastronomía e de Londres, onde debeu estar como correspondente dalgún medio. E tamén escoitaba sempre a Acacia Uceta, que falaba de viaxes. E a Euxenio Domingo, o irmán do coñecido Xavier, que falaba sobre gastronomía, viños, libros, e que adoraba a Cunqueiro como eu o adoro.

Queda aberta a quenda de intervencións sobre as palabras de “El Príncipe”.

3 thoughts on “Bloggers e profesionais

  • 10 de Marzo de 2008 at 21:48 09Mon, 10 Mar 2008 21:48:01 +000001.
    Permalink

    Interesante debate, pero eu creo que ten un problema de raíz: non é tanto un problema entre bloggers e profesionais, senón como de afeccionados e profesionais. Cada vez máis, os profesionais teñen un blog como unha parte máis da súa figura pública e das actividades de comunicación. Nos Estados Unidos, que é a referencia neste sentido, a maior parte dos profesionais da comunicación gastronómica contan cun blog que actualizan e coidan. Aquí aínda sodes poucos os que combinades actividades en Internet e fóra de Internet, pero se cadra dentro de dous ou tres anos, teremos que ver a diferencia.

    Eu non estou en contra do anonimato, porque en certo xeito, adoptar un nick (alcume) e unha certa personalidade é parte mesma da cerna de Internet. Pero se miramos con atención os rankings de blogs gastronómicos máis relevantes, observaremos que boa parte -por non dicir todos- os blogs gastronómicos importantes do Estado teñen pai recoñecido, ben de xeito expreso, ben cun alcume tras o que anda unha identidade pública moi activa. O resto son as curiosidades do sistema, pero no relevante, a xente segue a apostar pola credibilidade, e o nome é fundamental (aínda que non só, obviamente).

    Polo tanto, ese escenario é o que temos. E eu estou contento de que neste escenario poidan aparecer novas voces desde unha perspectiva afeccionada, con moita vocación e gañas, cousa que antes non poderían facer nestes círculos tan pechados das colaboracións en medios. O novo escenario é fascinante, aínda que eu, como profesional da comunicacion, sigo crendo que hai unha diferencia cualitativa clara entre quen vive só da información gastronómica e quen lle dá ao tema nos ratos libres. A diferencia está exactamente na cantidade de tempo á que lle adicas e na responsabilidade e técnicas coas que exerces a labor da información. Nos profesionais bós, coma Colineta, todo isto se lle supón e se lles percibe.

    Agora ben, tamén desde a perspectiva dun profesional da comunicación que ve o sector case desde un mirador, hai que recoñecer que moitas veces iso non é así. Este é un sector no que xa teño visto, nos profesionais da materia, terríbeis aberracións sintácticas, ortográficas e redaccionais (ou sexa, escribir mal, mal), intolerábeis lixeirezas éticas que escandalizarían noutros ámbitos da comunicación, unha inexistente preocupación por resultar atractivos para o lector medio e novo e difíciles e perigosos maridaxes entre información e publicidade. E, curiosamente, moitos dos interfectos con algunha destas virtudes son os máis críticos con isto dos blogs, onde a xente non está suxeita ás mesmas obrigas que se lle supoñen a un profesional e non debería ter que responder por uns mínimos de calidade.

    Ese é o problema. Que moitos profesionais non están facendo o que tiñan que facer. E hai algúns afeccionados que están a dar moito máis do que se agardaría de alguén que non gaña un peso con isto.

    Tremendo ladrillo que me despachei.

    Reply
  • 11 de Marzo de 2008 at 07:46 07Tue, 11 Mar 2008 07:46:54 +000054.
    Permalink

    Certo que a cuestión está entre afeccionados e profesionais. Pero eu creo que é o mesmo que bloggers e profesionais, xa que a meirande parte dos profesionais que teñen blog reproducen neles os mesmos usos e costumes que nos seus xornais, radios, revistas ou televisións. Ese profesionais pontifican dende internet, nunca inclúen enlaces nos seus post (semella que o resto do mundo non existe), non teñen blogroll ou é moi reducido (algúns amigos moi próximos), xamais participan con comentarios en blogs alleos. Penso que ter un blog non é suficiente para ser un blogger o mesmo que ter unha guitarra non basta para ser guitarrista.

    Reply
  • 11 de Marzo de 2008 at 10:20 10Tue, 11 Mar 2008 10:20:18 +000018.
    Permalink

    Non son profesional da comunicación, nin da crítica gastronómica, e nunca pensei en selo… Pero tampouco pensara en facer outras cousas na miña vida, e aí ando, así que non podo dicir “deste auga non beberei…”, aínda que o vexo case imposíbel. Conto as miñas experiencias, nada máis, e como tales se deben entender.

    Teño un blog relacionado co meu ámbito profesional, no que o meu nome aparece ó lado de cada artigo.

    A gastronomía é unha das miñas afeccións; e cando empecei co meu blog, nunca, nunca pensei que puidera ter a máis mínima repercusión máis alá dos meus coñecidos. Hai algunha xente que me lee, e penso que o fai porque lles poden resultar curiosas as miñas batallas, non por quen son eu (ó igual que eu leo cousas de xente á que non coñezo). Escrebo cun alcume, porque non quero misturar o ámbito profesional co particular. Porque penso, ademais, que o importante non é saber quen está detrás dun blog, senón o interese que poida ter o seu contido.

    Como cliente da hostalería, espero que me traten ben nos sitios ós que vou porque ese é o seu modo de traballar, e non porque despois eu poida dicir ou deixar de dicir tal ou cal cousa… E, por último, porque o anonimato (relativo, tamén é certo…) pode servir tamén como unha certa cura de humildade e a forma de evitar chegar a dicir aquilo de “vostede non sabe quen son eu, que teño un blog e…”.

    Perdón, penso que tamén a min me saiu un ladrillo…

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *