Ariel Mendizabal, o xenio do chocolate

El ía para artista e comezou os seus estudos nunha escola de arte, pero finalmente rematou dedicándose… á arte, un tipo de arte no que os materias son efémeros e, polo tanto as obras duran o mesmo que un merengue á porta dun colexio, pero arte á fin e ao cabo. Chámase Ariel Mendizábal e cada día deita a súa creatividade en doces, pasteis e bombóns que por momentos un pensa se non será mellor gardar para ensinar aos amigos, pero a carne é feble e os bombóns acaban alí onde Ariel considera que deben estar, na boca, facéndonos soñar.

Arredor de dúas horas de charla con Ariel, rodeados de bombóns e de ovos de pascua en proceso de produción, dan para unha boa enchente de chocolate, e un goza de todos e cada un dos matices desta marabilla chegada de América, a través das palabras do pasteleiro e chocolateiro, un artesán que vive con paixón o seu oficio e que insiste unha e outra vez en que dan máis satisfacción as cousas ben feitas que os beneficios obtidos dun comercio no que a calidade non sexa o prioritario. As palabras de Ariel saben tan ben coma os dous bombóns con que me convida.

Os seus ollos escintilan cando fala do seu traballo, e con toda a naturalidade de mundo explica que lle deron as tres da madrugada pintando ovos de pascua ou modelando bombóns. “As tres da mañá, que aburrimento” digo, ao que a resposta é inmediata “De aburrimento nada, é unha gozada“. Non sei se os ollos do artesán escintilan con brillo propio ou é un reflexo do brillo extraordinario do chocolate que nos rodea, bombóns decorados un a un, pezas únicas, tan marabillosas que poderían expoñerse no escaparate dunha xoiería ao pe de diamantes e esmeraldas e seguro que atraían máis a atención que as pedras preciosas. E escintilan sobre a mesa os medios ovos de pascua que prepara para a Semana Santa. “Saca un pouco esa bandexa do medio” dime dende o outro lado da mesa de granito na que traballa o chocolate. E tiro da bandexa con temor de romper algo e o meu temor vólvese mais grande cando Ariel di “O azul deses ovos é o dos ollos da miña noiva“, para de seguido explicar como o rosa dunha bandexa procede da feminidade, e o vermello doutra expresa paixón, e o dourado da terceira ven do sol. “Eu quero que os que mercan os ovos de pascua para os seus afillados o fagan porque lles gustan a eles e pidan transmitir esa emoción aos seus afillados” di. “E busco que cando alguén merca unha caixa de bombóns para a súa parella o faga pensando en que se vai identificar cos mesmos“.

Paréceme que Ariel é un soñador, un soñador capaz de plasmar en chocolate as súas ensoñacións, pero ao mesmo tempo transmite o concepto de excelencia, tan pouco común, en cada unha das súas actuacións. E así traballa cun deseñador na elaboración das diferentes caixas que aloxarán as súas creacións, buscando harmonía e equilibrio entre o contido e o continente sen que un destaque sobre o outro. Dez caixas diferentes emprega para os seus bombóns, e aínda non están todas.

Á pregunta de como naceu nel esa paixón polo chocolate e o doce, Ariel responde lembrando a seu avó, creador na Arxentina dunha saga de pasteleiro, e a seu pai, que ao regreso da emigración montou obradoiro en Galicia, e a súa mai, que traballa ao seu rente, e a súa avoa, que xa anciá segue colaborando no traballo e encargándose de envasar tódolos bombóns que crea o seu neto.

O futuro teno claro Ariel: seguir traballando, aprendendo e innovando coa materia entre a que naceu e que foi o seu xoguete na infancia. Pero

tamén fala de proxectos materiais, do feliz que está de que en poucos meses acabará de pagar o investimento en local e maquinaria realizado hai xa un montón de anos e das gañas de abrir despacho na cidade da Coruña. “So un despacho, sen obradoiro. Levarei as tortas confeccionadas dende aquí pero decorareinas alí, de maneira que poida ter cos clientes da Coruña o mesmo trato persoal que manteño cos de aquí“. Porque resulta que Ariel non vive pechado no seu obradoiro, senón que cando soa o timbre que avisa da presenza dun cliente na tenda, separada do obradoiro por unha ampla cristaleira, moitas veces é o propio Ariel quen sae a despachar.

Enfrascados no tema do chocolate non falamos dos seus panetones, que quedan para unha segunda visita. “Os panetones de Ariel son os mellores de Galicia“, me dixo un día o pasteleiro compostelán Marcos Álvarez, que mantén unha relación de fonda amizade co de Culleredo. “Dentro da profesión, Marcos é o único con quen poido falar en igualdade de condicións, seguramente porque a os dous nos domina a paixón polo noso traballo“, di Ariel. E non lle falta razón, salvando a distancia xeneracional, son dous profesionais namorados do seu oficio, grandes conversadores e grandes coñecedores de todo o que anda arredor da materia dos seus soños e realidades. Dous artistas por descubrir por parte do gran público.

Ariel é propietario da pastelería Doriel, emprazada en Vilaboa (Culleredo, A Coruña), pero vende bombóns a través da súa páxina web. En 2005 gañou o título de Mestre Chocolateiro de España. En 2009 participará nas probas do Campeonato Mundial de Pastelería. Sorte.

5 thoughts on “Ariel Mendizabal, o xenio do chocolate

  • 07 de Marzo de 2008 at 09:14 09Fri, 07 Mar 2008 09:14:25 +000025.
    Permalink

    Para min foi toda unha sorpresa a súa cata de bombóns e chocolates dentro do Fórum, penso que xa cho dixera…

    Reply
  • 07 de Marzo de 2008 at 10:03 10Fri, 07 Mar 2008 10:03:32 +000032.
    Permalink

    Acudín a cata de bombóns coa miña nai, irmán e curmán e quedamos abraiados non só pola preciosidade dos productos, dos brilos, das córes, senon pola súa cercanía, dotes de comunicación e o seu amplo coñecemento dos materiais que emprega e deste mundo do doce.

    Se xa falamos do rico que estaban os bombóns, non pararíamos.
    No meu blog hai un post sobre o Taller:

    http://berta-postres.blogspot.com/search/label/Bombones

    Saudos,

    Berta

    Reply
  • 07 de Marzo de 2008 at 10:27 10Fri, 07 Mar 2008 10:27:58 +000058.
    Permalink

    No pude ir en el Forum a verle y me quedé con ganas. Viendo las imágenes, como buena chocolatera que soy, me da algo!!!

    Reply
  • 07 de Marzo de 2008 at 10:48 10Fri, 07 Mar 2008 10:48:45 +000045.
    Permalink

    Souben del na cata de bombóns e chocolates do Fórum, e realmente é impresionante; tanto a súa capacidade de comunicación e amor polo seu traballo, como a calidade, aspecto e arte, sobre todo arte, dos bombóns que alí puidemos probar…

    Agora me quedan ganas de pasar pola súa casa… cando vaia pola zona, será parada obrigada…

    Unha aperta…

    Reply
  • 07 de Marzo de 2008 at 12:24 12Fri, 07 Mar 2008 12:24:36 +000036.
    Permalink

    A visita á súa docería ben paga a pena e creo que nos vai dar moitas sorpresas agradables no futuro.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *