Beatriz Sotelo, soa ante o perigo

Queda xusto unha semana para que Beatriz Sotelo (restaurante A Estación, Cambre, A Coruña) se sitúe, por segundo ano consecutivo, soa ante o perigo. Ante o perigo que supoñen sete cociñeiros masculinos que intentarán por tódolos medios quitarlle o triunfo na segunda edición do concurso “Cocinero del Año”, que terá lugar en Barcelona, no marco de Alimentaria, o próximo 13 de marzo.

Claro que Beatriz é xa experta nestas lides. O maio do ano pasado foi a única muller participante na semifinal que enfrontaba a cociñeiros de Galicia, Asturias e Cantabria. Os outros nove cociñeiros, todos homes, non foron quen de derrotala e aí está ela, clasificada para a final e traballando a diario nos pratos que presentará en Barcelona e que serán segredo de cociña ata o momento mesmo da final.

Na semifinal do ano pasado, que tivo lugar en Xixón, Beatriz triunfou cun menú composto de “Sardiña marinada, queixo de Arzúa e auga de tomate”, “Mero, chícharos frescos e caldo de xamón” e “pastel meloso de améndoas, laranxa e xeado de tonka”, o mesmo menú que hoxe puidemos degustar un reducido grupo de xornalistas gastronómicos en A Estación, na compaña da propia Beatriz, que co mandil posto se sentou con nos a comer e comentar os nervios que está a pasar, a ilusión que lle faría gañar o premio, as gañas que ten de que todo pase, o apoio incondicional de tódolos seus compañeiros e compañeiras de traballo. A próxima semana esquézanse de reservar na Estación, xa que todos, cociñeiros, camareiros, persoal de limpeza… estarán en Barcelona para apoiar á súa compañeira. Con seguidores desta categoría calquera pode estar contento.

Sexa cal sexa o resultado do concurso, Galicia enteira pódese sentir orgullosa de Beatriz Sotelo, a única muller que chega á final dun concurso no que se inscribiron máis de 1.000 cociñeiros de toda España, dos que 80 foron seleccionados para participar nas oito semifinais celebradas e so oito chegaron á final. Estar entre os oito mellores dun total de 1.000 é xa un éxito. Pero todos queremos máis.

Os finalistas deberán cociñar, nun tempo máximo de cinco horas, un aperitivo e un menú composto de tres pratos e sobremesa. En realidade trátase de dous concursos diferentes, xa que o aperitivo vai por un lado e o menú será quen decida o “Cocinero del año”.

O menú de tres pratos e sobremesa non poderá superar os 13 euros de custe e os participantes deberán cociñar para cinco persoas, cumprindo unhas regras bastantes estritas, que miden o peso total de cada menú (500-600 gramos), a composición equilibrada de proteínas, graxas, fibras, vitaminas, hidratos de carbono, etc. Ata a harmonía de cores aparece reflectida nas bases.

O xurado valorará fundamentalmente a presentación e innovación (máximo 25 puntos) e o gusto e sabor (outros 25 puntos como máximo), mentres que a composición e a preparación correcta e profesional terán un máximo de 15 puntos en cada caso.

Agora so falta que se cumpra a ilusión de Beatriz e de todo o equipo de A Estación, á que sen dúbida nos sumamos tódolos galegos afeccionados á gastronomía: que volva de Barcelona co título na man.

One thought on “Beatriz Sotelo, soa ante o perigo

  • 06 de Marzo de 2008 at 19:54 07Thu, 06 Mar 2008 19:54:19 +000019.
    Permalink

    A cociña galega vai moi ben representada. Como dis, xa estar na final é un exitazo, pero a posibilidade de gañar sería un recoñecemento ó traballo de Bea, moitas veces inxustamente relegado (entre outros por min, cousa que fixen por descoñecemento) a un segundo plano.

    Ánimo!

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *