Minifundio mental

Fun o primeiro que dixo, hai xa moitos meses, que o Forum Gastronómico de Santiago ía marcar un antes e un despois no mundo da gastronomía galega, e a primeira proba apareceu onte na presentación de Xantar, que terá lugar en Ourense entre o 5 e o 9 de marzo, presentación na que os seus organizadores, polo que se ve nos xornais, contestaron a máis preguntas sobre o Forum que sobre a feira ourensá.

E vese que non entenderon que se trata de dous eventos absolutamente diferentes e que non compiten entre si, así que estaban á defensiva atacando, que din que a mellor defensa é un bo ataque. Desta maneira hoxe pódense ler nos xornais cousas como que o Forum é unha copia de Xantar (Alexandre Sánchez, tenente de Alcalde de Ourense), afirmación seguida de risas porque, polo visto, díxoo en ton de broma.

Pero en serio dixo que o Forum complementa a Xantar, mentres que a concelleira de Comercio e Turismo, Ana Garza, asegurou que Xantar se dirixe ao público en xeral “mientras que el Fórum de Santiago estuvo destinado a profesionales del sector y cocineros de élite”, demostrando un evidente descoñecemento do que foi a cita de Compostela: algo máis de 700 congresistas (cociñeiros, profesionais e estudantes de hostalería), fronte a un total de 15.000 visitas. Na fin de semana o Forum estivo a rebentar de público xeral, que pagou 5 euros pola súa entrada.

Pola súa parte, o presidente da Cámara de Comercio e directivo de Expourense, Ovidio Fernández Ojea, despachouse con que o Forum foi un “experimento, no de gastronomía, sino de comunicación, ya que los cocineros que estuvieron allí son unos grandes comunicadores relacionados con la gastronomía”. Cualificar de “experimento” a un Forum que ten dez anos de vida, inda que sexa na súa sede catalana, e que foi o primeiro congreso gastronómico de España, anterior a Madrid Fusión ou Lo Mejor de la Gastronomía (San Sebastián) ten a súa coña.

Minifundio mental é o que temos nas nosas cabezas, incapaces de entender que un evento coma o Forum pode reforzar no resto de España ou do mundo a posición da nosa cociña e dos nosos produtos, entre eles Xantar.

One thought on “Minifundio mental

  • 28 de Febreiro de 2008 at 11:08 11Thu, 28 Feb 2008 11:08:48 +000048.
    Permalink

    Todavía me estou rindo soa dende esta mañán cando leín o artigo no Correo Gallego. Dende logo hai que ser…..mira que si estamos todos no mesmo barco da gastronomía, qué lles custará recoñece-lo que todo o mundo fixo. Os dous encontros pódense complementar perfectamente.
    Esperaremos as cifras de participación.

    Saúdos
    Berta

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *