Aí queda eso

Antes de comezar o Forum xa falaba do meu intenso programa de traballo no mesmo, que se completou coa presentación da entrega dos premio InnoForum concedidos aos mellores produtos da feira. Así que con semellante actividade non me quedou moito tempo para atender ao resto do programa, ata o punto de que única actividade na que estiven dende o comezo ata o final foi a ponencia de Marcelo Tejedor, coa que se clausurou o Congreso e sobre a que escribirei máis tarde.

Así que pouco poderei contar do Forum co nivel de detalle con que o fan os meus compañeiros blogastronómos, aos que vos remito para coñecer máis sobre a ponencia de Chef Rivera ou as catas de augardentes de Galicia, de sidras, de bombóns, viños e queixos, o circo do Grupo Nove, a ponencia de Carme Ruscalleda ou Flavio Morganti, por poñer algún exemplo dos moitos que podedes atopar nas páxinas de Manolo, Sole, Salome, Jorge e Óscar, que foron os grandes reporteiros-blogueiros do Forum.

Do que si poido falar con autoridade é das novidades presentadas na feira do Forum, algunhas das cales estarán en breve entre nos, nomeadamente os xeados de Sandro Dessi, que xa negociou cun distribuidor compostelán para os seus produtos e que farei público en canto poida confirmar a información. Había tempo que non probaba xeados de tanta calidade e tan innovadores, cos sabores de sempre e outros novos, entre os que a gran novidade era o de Tarta de Santiago, que máis ben me pareceu un xeado de turrón cun toque de limón. O gran descubremento para min foi a “granita” un xeado típico de Sicilia, segundo explica Dessi, unha especie de granizado cremoso. O de amorodos do bosque deixoume absolutamente emocionado.

Outro dos grandes produtos presentes na feira foi a pastelería da firma francesa Bridor. Croissant prefermentado e conxelado, listo para preparar no forno en poucos minutos. Un produto que pode competir sen problema cos mellores de calquera pastelería, elaborado exclusivamente con manteiga francesa amparada por unha denominación de orixe. A mesma firma estivo a facer un pequeno estudo de mercado cunhas caracolas con crema pasteleira e canela, que tiven oportunidade de probar na compaña de Marcelo Tejedor, e que ambos consideramos excelentes. Á pregunta de se as mercaríamos deatopalas no supermercado ambos contestamos cun si rotundo.

Ao pe de Bridor estaba o posto de Aceites Vizcantar con dous produtos estupendos: o seu aceite de oliva virxe extra, do que xa teño unha botellina na casa, cun sabor a froitas e herba acabada de cortar verdadeiramente delicioso. Gañou o premio na categoría de mellor sabor. Vizcantar presentaba tamén unha confitura de olivas moi interesante para acompañar con queixos.

No apartado industrial Daviña presentou un forno-desconxelador que vai facer as delicias dalgúns restauradores, e agardo tamén que dos seus clientes. Trátase dunha máquina desenvolvida para dar resposta ao problema do anisakis. ¿Lémbranse de que é obrigatorio conxelar polo menos 24 horas o peixe que se vai servir cru ou pouco cociñado?. Pois esta máquina serve para desconxelalo despois sen merma da súa calidade, segundo aseguran na empresa, e ademais cociña. Xa se verá como é cousa. Tamén en Daviña anuncian unha próxima novidade: o forno máis rápido do mundo, capaz de desconxelar e asar 24 polos en media hora. Unha combinación de forno tradicionald e convección e as microondas son a chave do asunto, que seguramente fará felices aos responsables do Coren Grill e outros negocios semellantes.

Porto Muiños lanza ao mercado pastas con algas: espaguetes, tallaríns, lasaña… Todo ten moi boa pinta, pero non tiven oportunidade de probar, así que haberá que facelo na casa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *