O máis grande evento gastronómico da historia de Galicia

Despois dun día de intenso traballo na primeira xornada do Forum Gastronómico Santiago’08, volvo á cas cunha boa dor de cadrís causada pola miña lumbalxia, pero nunca me sentou tan ben unha dor de costas.

Atrás queda un ano de traballo dun enorme grupo de xente que dende o primeiro momento apostaron polo que xa é o máis grande evento gastronómico da historia de Galicia dende o banquete de Conxo. Ouros, moitos menos, puxéronse dende o comezo a traballar contra o Forum, seguro que uns con mellor fe que outros, que en realidade o que lle botaron á cousa foi toda a mala ostia de que eran capaces. Penso que xa se están arrepentindo porque o éxito da primeira xornada foi abrumador.

A sesión de contos e cociña do Grupo Nove, que so puiden ver parcialmente xa que a segunda parte da mesma coincidía co taller de Pedro Roca sobre cogomelos que presentei, foi memorable, como antes fora o concurso de pulpeiras. Na saída do Palacio de Congresos, pasadas as oito da tarde, so se escoitan loubanzas sobre o acertado da inclusión de ambas sesións no programa do sábado: “cousas coma estas son as que marcan a diferenza entre a frescura do Forum e o rancio de Madrid Fusión”, escoitei varias veces.

Por referencias sei que foron memorables as sesións sobre lamprea (Chef Rivera), filloas da pedra (asociación Filloas da Pedra de A Baña), e a cata de augardentes (José Luis Hernánz Mañas), que non puiden presenciar por estar noutras ocupacións.

Pedro Roca, que xa citei, e a sesión sobre “Vacas”, de Flavio Morganti, que presentei pola mañá penso que deixaron plenamente satisfeitos aos participantes, que puideron gozar de pratos doces elaborados con setas e da enorme calidade da carne de vaca galega, que Luismi, especialista vasco en carnes roxas, coas que comercia hai dúas décadas, pon por diante da de raza “Waygu” (mal coñecida como Kobe), procedente de Australia e Nova Zelanda. “La vaca gallega le da mil vueltas” dixo.

One thought on “O máis grande evento gastronómico da historia de Galicia

  • 17 de Febreiro de 2008 at 02:20 02Sun, 17 Feb 2008 02:20:54 +000054.
    Permalink

    Galiza está na vangarda da cociña.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *