Sopas de allo

Un ano máis, as cámaras da televisión deron boa conta desa maneira tan indixesta que temos agora de rematar as grandes festas, é dicir, aquelas que se prolongan toda a noite e nas que se inxire máis alcohol do qué se debe. Hai xa moito tempo que o chocolate con churros se puxo de moda como remate da troula e preparación do estómago antes de ir a durmir un sono reparador, pero non sempre se acadan os resultados desexados e a contundencia desa derradeira comida da noite, ou primeira da mañá, fai grandes estragos.

O chocolate con churros é unha merenda deliciosa, pero tomada antes de ir para a cama e co estómago estragado polos excesos da noite, convértese nun arma de destrución masiva, co chocolate e churros loitando na andorga ata que a dixestión fai o seu labor. Antigamente o chocolate servíase acompañado dun vasiño de leite frío ou, máis habitual, dun gran vaso de auga fría que axudaban á dixestión. O costume perdeuse, como tantos outros, e agora os incautos caemos inocentemente nas gadoupas do chocolate. Durante as case dúas décadas que vivín en Madrid foron ducias as veces que me prometín non volver a San Ginés (punto fixo de peregrinación dos trasnoitadores capitalinos) para seguir caendo sempre no mesmo erro.

En Galicia, e de antigo, temos un remedio moito mellor para rematar a troula e despois durmir coma anxiños: as sopas de allo.

Houbo un tempo en que ningunha festa que se prézase remataban sen o reparto das tradicionais sopas de allo, que se preparan nun momentiño e se toman sen ningún esforzo. Non me pregunten o porque, que o meu saber non chega a tales profundidades senón que se queda na propia experiencia persoal e a dos que me rodean, pero un prato de sopas de allo, quentiñas e lixeiramente picantes, é o mellor que hai antes de ir para a cama, sempre que despois da festa un desexe durmir, que para outros mesteres o recendo do allo seguramente non vai ser o máis axeitado.

Hoxe son poucos os lugares onde se preparan as sopas de allo para rematar as festas. Co mal que levan falado algúns do allo (especialmente algúns cociñeiros e famosas incapaces de saír da súa sota, cabalo e rei) e o ar de prestixio que ten o chocolate “á taza” (que sempre foi bebida de curas e señoritos) é normal que o segundo vaia desprazando ao primeiro, máis nunha sociedade como a nosa na que moitas veces imperan máis as formas que os contidos.

Eu, que por estas datas non poño un pe na rúa para asistir a ningún tipo de festa, sempre miro nos xornais os anuncios de restaurantes e hoteis que celebran festas de Noitevella ou Reis, buscando fundamentalmente a súa oferta de remate de festa. Nunca iría aos que ofrecen chocolate con churros, que son a maioría, pero sempre atopo algún lugar onde as sopas de allo seguen vivas. Alí iría, se non fora porque me horrorizan esas festas fixas no calendario, nas que todos formulamos os mellores desexos cara o próximo, por moito que esteamos dispostos a meterlle o dedo no ollo á primeira de cambio.

Por certo, case sempre son casas de turismo rural as que amañan as sopas de allo para rematar a festa

Publicado en El Progreso. 5-1-2008

2 thoughts on “Sopas de allo

  • 15 de Xaneiro de 2008 at 10:18 10Tue, 15 Jan 2008 10:18:15 +000015.
    Permalink

    Pois non podo estar máis de acordo… as sopas de allo xa me axudaron en algunha enchenta/resaca das importantes, ja, ja, ja (¡¡¡uf, eso non se conta que un ten un prestixio que manter, ja, ja, ja!!!)

    Eu as preparo de forma moi sinxela, auga ou caldo, pan, aceite, allo e pimentón dulce… e un ovo si a resaca é importante, ja, ja, ja… leín o do picante, e probarei a próxima vez a botarlle un pouco. ¿Botas pimentón picante ou cayena?…

    En calquera caso, aquí te deixo a miña receta, a ver si te gusta…

    Unha aperta

    Reply
  • 15 de Xaneiro de 2008 at 10:30 10Tue, 15 Jan 2008 10:30:29 +000029.
    Permalink

    Nas sopas de allo, sempre pemento. Eu poño un pouco de doce e un pouco de picante.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *