Marcas de calidade para o mar galego

Prepárense a atopar na súa peixería dúas marcas de calidade que identificarán os produtos galegos do mar e que nestes días andan a ser presentadas nas diferentes feiras da pesca e gastronómicas que teñen lugar por Galicia adiante: “PescadeRias” e “Polbo das Rías”, a primeira impulsada directamente pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia e a segunda dependente da Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu, con apoio da administración autonómica.

Non veñen mal ambas iniciativas, e máis nun sector coma o do peixe no que a fraude está á orde do día por mor dos poucos controis que se realizan e a dificultade engadida de que se trata de produtos que se venden maioritariamente a granel. Sen dúbida o dos produtos do mar é o sector máis primitivo do mundo da alimentación: o home abandonou hai séculos a recolección e a caza como fornecedores fundamentais da súa alimentación, pero segue a ser pescador.

Teño eu a sensación de que as irregularidades no comercio do peixe e mariscos depende máis do punto final de venda que do sector extractivo. Eu mesmo teño atopado, en centros comerciais de moita reputación, ameixas procedentes de Tarragona que se anunciaban como galegas, por poñer un exemplo. As tales ameixas tiñan un aspecto fenomenal e seguramente sería moi boas, pero non eran galegas, tal como aseguraban os carteis. Iso é fraude.

As dúas novas marcas de calidade pretenden poñer un pouco de orden no mercado, partindo da orixe, as lonxas onde a través das cales o peixe entra nos circuítos comerciais. Acadarase o éxito se conseguen que a identificación dos produtos chegue ata o consumidor evitando que polo camiño se produzan manipulacións indebidas.

En esencia, tanto a marca “PescadeRias” como “Polbo das Rías” levan a mesma dirección: garantir que os produtos acollidos a elas foron capturados de maneira artesanal nas costas galegas e proceden exclusivamente da pesca extractiva, excluíndo tanto os producidos en instalacións de acuicultura coma os engordados nesas mesmas instalacións e os procedentes de mares afastados de Galicia, inda que sexan capturados pola flota galega de altura.

“Polbo das Rías” vai amparar o polbo capturado pola flota artesanal nas Rías Baixas, identificando individualmente cada polbo, mentres que “PescadeRias” será aplicable a peixes, algas e mariscos capturados nas augas continentais galegas, é dicir, na costa que vai da desembocadura do Eo á do Miño, por barcos que saen e entran diariamente do porto e empregan artes de pesca selectivas. Trátase, en definitiva, de identificar os peixes galegos do día.

Os consumidores temos dereito a saber se as sardiñas que mercamos na praza ou no supermercado proceden de augas galegas, de Portugal, de Asturias ou de calquera outro sitio. Se nos venden ameixas procedentes de Cataluña dicíndonos que son galegas é coma se nos lle pagamos á peixeira cun billete falso: parece bo, pero non o é.

© Miguel Vila Pernas (Publicado en El Progreso o 20-10-2007)

One thought on “Marcas de calidade para o mar galego

  • 22 de Outubro de 2007 at 11:46 11Mon, 22 Oct 2007 11:46:19 +000019.
    Permalink

    Hola Miguel:

    Me ha gustado tu artículo, es muy interesante.
    Creo que ya he resuelto lo de la página, confirmamelo y dime si lo hice bien.

    Gracias.

    Elena

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *