Centolas alien-nadas

Rematada a Guerra das Galixias a nave Iacobus volta á casa. Os tripulantes descoñecen que a bordo traen a peor das ameazas biolóxicas que poida pensar: Alien volve a empezar. Nalgún momento da súa longa viaxe, as galiñas de Mos (da parroquia de Mos, concello de Castro de Rei, provincia de Lugo) ou as Piñeiras (de O Pino, provincia da Coruña) tiveron un encontro cun centolo bretón e daqueles polvos veñen estas lamas.

O país está en perigo. Máis ben a reputación do país. Os máis sesudos científicos tentan desentrañar os misterios desta nova realidade: ¿servirán para fritir estes ovos?, ¿terán xema ou corais?, ¿o becho hai que cocelo con loureiro ou sen el?, ¿en auga do mar ou en baba de caracol?. O futuro está nas súas mans.

E mentres os científicos debullan estas interrogantes, algúns turistas achéganse a Compostela atraídos polo cheiro do marisco máis que polos fogos fatuos da tumba do Apóstolo: durante a primeira semana de xullo un grupo de hoteis recebe aos seus clientes non con flores, froita ou chocolate, que é o común, senón cunha magna mariscada, que é o extraordinario. É a I Semana Gastronómica de Galicia.

Agora ben, ¿qué mariscada?. O que todos coñecemos como tal componse habitualmente de centola ou boi, nécoras, camaróns, ameixas…

Pois imos ver. Dende o 1 de xullo o centolo e o boi están en veda. Fóra da mariscada.

A ameixa babosa e a fina tamén. Volta a reducir o prato.

Quédannos as nécoras, cuxa veda rematou o 30 de xuño. O 1 de xullo que comezou a I Semana Gastronómica de Galicia en Santiago de Compostela non había nécoras no mercado. Así que a mariscada dese día quedouse sen nécoras. O día 2 tampouco as houbo xa que é luns e o domingo non saen os barcos ao mar. Hoxe si o han facer ¿haberá nécoras no mercado mañá día 3 ou volverán os barcos con pouco marisco?. Pode pasar que en toda a semana resulte difícil atopar nécoras no mercado.

Na mesma situación (con remate da veda o 30 de xuño) están a langosta e o lumbrigante, alleos sempre ao concepto de “mariscada” e o berberecho.

Así que pode pasar que nesta semana quince hoteis composteláns, algúns de cinco estrelas, se vexan obrigados a convidar aos seus clientes a unha mariscada que fale francés. ¡Viva o concepto de excelencia!

Restaurantes

A segunda pata da semana está composta pola oferta de dezaseis restaurantes. Podemos atopar menús coma o seguinte: “ensalada tibia de langosta de A Guarda, capón de Vilalba reenchido, filloas reenchidas, media botella de Rías Baixas, auga e pan”. Corenta euros. Haberá que preguntar na Guarda se xa sacaron as primeiras langostas do mar. O capón de Vilalba so pode ser conxelado. Os corenta euros, de curso legal. Acéptanse tarxetas de crédito.

E claro, todos queremos máis. Así que podemos cambiar de local e pedir o menú composto de “pementos de Herbón, polbo da ría con langostinos, vieira ao albariño, bonito do norte, xarrete, tarta de Santiago, filloas, roscas, viño da Ribeira Sacra, caña, café, licor galego e pan”. So 60 euros.

Remato xa co lema desta semana gastronómica:

¡TE SORPRENDEREMOS!

2 thoughts on “Centolas alien-nadas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *