Segunda proba das patacas habaneras

A segunda proba das patacas habaneras consistiu en cocelas sen pelar, enteiras, en auga con sal. Antes de metelas na pota atraveseinas cun espeto tres veces cada unha.

O mesmo que no caso das fritas, paréceme que tardaron en cocer algo máis que as patacas que habitualmente emprego, pero uns minutos despois do “normal” estaban ben cocidiñas, tenras e enteiras, sen ragañaduras na pel, como sucede ás veces.

A carne destas patacas é moi branca e mate. Na boca desfaise soa e resulta manteigosa. Saben a patacas, a boas patacas cocidas, pero por momentos deixan na boca lembranzas de castañas cocidas, moi lixeiras pero nidias. No post anterior xa falei de que, crúas, me lembraron as castañas frescas tamén crúas.

O que máis que sorprendeu é que non foi preciso salgalas. O habitual é que as patacas cocidas coa súa pel resulten moi sosas e precisen de sal unha vez abertas. Estas non e de feito ninguén empregou o saleiro, que estaba posto derriba da mesa. Non sei se o sal entrou polos buratos que fixen co espeto, pero cando cozo outras variedades fago o mesmo e quedan moi sosas.

En definitiva, que son patacas, teñen a textura das patacas e saben a patacas, pero todo nun grado alto de calidade.

Teño que probalas cocidas peladas, asadas no forno, e asadas en tarteira cunha boa carne de tenreira, que xa me avisaron que dan un resultado espléndido.

One thought on “Segunda proba das patacas habaneras

  • 09 de Novembro de 2006 at 16:28 04Thu, 09 Nov 2006 16:28:35 +000035.
    Permalink

    ¿E por que lles chaman “habaneras”?

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *