Os vellos ultramarinos

Da miña infancia non gardo lembranzas de patios sevillanos, e nas miñas hortas infantís medraban verzas e non limoeiros, que eu fun neno no Valadouro e non na Sevilla natal de Machado.

Lembro moi ben, iso si, os ultramarinos nos que se mercaban os produtos de primeira necesidade que non se podían producir na casa, como aceite, azucre, café, bacallau…

Por proximidade á casa, o ultramarinos que máis frecuentei na infancia era o de Ramón Blanco, que fora xoieiro na Habana e ao regreso montará tenda de coloniais no baixo da casa, mentres nun cuarto do primeiro piso estaba a centraliña telefónica cando no Valadouro había so algunhas ducias de teléfonos, poucas.

Na entrada da tenda de Ramón Blanco había grandes rolos de cordas e sempre un tabal de arenques. “Ramón Blanco come dous arenques para abrir o apetito e eu con un teño que pechalo” dicía outro da vila, menos afortunado economicamente.

Tamén frecuentei na infancia a tenda de Hortensio (Orencio (¿seguro que se chamaba Orencio? consultareino), que estaba no Pazo, parroquia de A Laxe, daquela Alaje, á que moitas veces me mandaba aos “recados” miña avoa, que vivía a medio camiño entre Ramón Blanco e Hortensio. No ultramarinos do Pazo (así é o nome do lugar, que a casa era moderna pero normaliña) gustábame ver o surtidor de aceite a granel e, de novo, o cheiro a cordas novas, se cabe aínda máis acusado que na casa de Ramón Blanco.

Na Plaza era de obrigada visita dominical a casa de Mogo, cun amplo surtido de caramelos e lambetadas da época, pan de figo incluído. Ademais Mogo, que tiña no mesmo local taberna e ultramarinos, era propietario do único futbolín da vila, polo que nas tardes de domingo o rebulir de rapaces era continuo.

Ao pe do Mogo estaba o Bar de Abaixo, dos Casabella, no que víamos Bonanza, El Virginiano, El Túnel del Tiempo e os debuxos animados do gato Félix e o mago Magoo. O ultramarinos comunicaba co bar con dúas portas, una para que os clientes dun lado puidera pasar ao outro e outra detrás da barra-mostrador para que os dependentes tiveran fácil atender os dous negocios.

Despois estaban Os Lobos, ultramarinos e taberna, pechado hai poucos anos para desgraza dos moitos clientes que lle tíñamos unha especial querencia ao lugar… e ás tapas de roxóns de tripa que Angelita levaba de Mondoñedo, ao bacallau guisado, os fritos de chourizo… Nos Lobos tamén víamos a televisión e mercabamos xeados Avidesa. Alí sempre me chamou a atención o enorme coitelo, semellante a unha guillotina de oficina, empregado para cortar o bacallau.

O Fardo era casa de comidas, ademais de ultramarinos, e foi o último en pechar, hai poucos anos (¿2?, ¿3?) despois de ser durante moito tempo a única tenda que abría na vila os domingos.

E estaba, no parque, a casa do Roxo, que sempre o foi publicamente, incluso durante a guerra e a ditadura, sen ningún tipo de problema, que o nome víñalle da cor do seu pelo e non da ideoloxía política, no caso de que a tivera.

Na antiga casa do Roxo queda o último sinal aparente daqueles vellos ultramarinos. É a chapa da cervexa El León que se ve na foto, e que segue chantada derriba da porta de entrada ao local da antiga tenda, agora sen uso público.

Di: El León. Pilsen. Dortmund. Munich. E O Valadouro, engado eu.

5 thoughts on “Os vellos ultramarinos

  • 11 de Outubro de 2006 at 14:50 02Wed, 11 Oct 2006 14:50:05 +000005.
    Permalink

    A do Pazo, era a casa de Hortensio, donde, anque seguramente ti no no lembras, íbamos os nenos a comprar unhos caramelos que se vendían a perra gorda. eran pequeniños, pero exquisitos. ¡ Tempos aqueles…!

    Reply
  • 11 de Outubro de 2006 at 15:33 03Wed, 11 Oct 2006 15:33:58 +000058.
    Permalink

    Efectivamente, Hortensio. Orencio era o propietario de La Naranja, que emborrachaba os cochos co viño que se picaba nos barricos. Correximos.

    Reply
  • 18 de Outubro de 2006 at 04:19 04Wed, 18 Oct 2006 04:19:56 +000056.
    Permalink

    Querido Colineta:

    Mira tu que recuerdos me traes!!

    Meus pais emigrantes a Buenos Aires nacieron en esa hermosa localidad de Valadouro, y no puedo mas que emocionarme con tus recuerdos y narraciones, lamentablemente no puedo compartir tus recuerdos con ellos que seguramente me ampliarian tu narracion con un sinfin de anecdotas, esas anedoctas de cuando eran pequenos con las cuales aprendi a amar a Valadouro y a Galicia sin conocerlas y antes de recorrerlas personalmente.

    “Colineta” Gracias por mantener este “blog” y aprovecho para enviarte mis mejores deseos y un fuerte abrazo desde Bos Aires “la Quinta Provincia”

    PD: Orencio cunado de mi madre vive junto a La Laranxa , pero en realidad los propietarios eran unos cunados de el, Carmen y su esposo que lamenteblemente ha fallecido.
    Orencio como recordaras es quien fabrica los zuecos tradicionales alli en Carballido.

    Otro abrazo y hasta siempre.

    Fabian Gonzalez Fraga

    Reply
  • Pingback: Colineta » Blog Archive » Se vende…

  • Pingback: Colineta » Blog Archive » Chicharrones de tripa

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *