Cunchas de ameixas en lata

Anda estes días nos xornais a nova da saída ao mercado dunha conserva de ameixas á mariñeira con cuncha, elaboradas por unha empresa galega, asegurando que a conserva elaborase cun método único desenvolvido polo departamento de I+D+I da empresa, sen contar máis ao respecto.Os xornais tratan o tema como se dunha grande novidade se tratase, asegurando algúns que é unha delicatessen. Eu non probei estas ameixas e non poido opinar, pero pregúntome o porque da presenza da cuncha dentro do tarro de cristal en que se vende a conserva. E tamén polo seu prezo, por ver de canto me custa o gramo de cuncha, que seguramente non vou comer porque algo me di que vai estar dura.

Así que miro a web da empresa comercializadora, Mar de Couso, que anuncia as súas “conservas selectas” entre as que aínda non están estas ameixas, polo que me quedo coas gañas de aprender máis.

A empresa vende na súa web diversas conservas de atún e preparados de peixe. Destaca que en tódolos casos se emprega aceite de oliva, o que aplaudo ata coas orellas.

Pero xa non me gusta tanto ler os ingredientes das súas “colas de langostinos al ajillo”: surimi de pescado, aceite de oliva e allo. ¿E as colas de langostinos onde andan?. Ao mellor a etiqueta dos tarros di que se trata dun “sucedaneo” de colas de langostinos, pero na web dise ben claro “colas de langostinos al ajillo”. Nada máis.

A composición do “pulpo a la gallega en aceite de oliva” é a seguinte: “pulpo calamar (dosidicum gigas), aceite de oliva, pimentón, sal”.

E resulta que o tal dosidicum gigas non é máis que o calamar xigante, tamén chamado “potón do pacífico” e “pota xigante”, que procede das costas de México e Chile. O seu manto pode chegar a un metro de longo, cunpeso de ata 25 quilogramos.

O Consello Superior de Investigacións Científicas asegura ter creado un procedemento para a elaboración de surimi a partir desta especie, procedemento que foi patentado e vendido a unha empresa española.

Fotografía cortesía de Sonja Heinrich

One thought on “Cunchas de ameixas en lata

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *