O skrei chega a Galicia

Na foto, skrei asado sobre crema de chícharos á menta, receita que se pode atopar na web de Norge.

Un emigrante, un “nómada” que iso significa o seu nome noruegués, chega ás mesas galegas. Falo do skrei, o bacallau que cada ano se despraza da xeadas augas do mar de Barents ás que rodean as illas Lofoten, na costa de Noruega, para desovar.

O seu longo e penoso viaxe dálle á carne deste bacallau unhas características especiais de textura e tenrura. Un bacallau certamente celmoso que agora chega ás cociñas dun bo número de restaurantes galegos da man do Consello de Produtos do Mar de Noruega.

Tradicionalmente os noruegueses consumían o skrei cortado en toros e escalfado, acompañado dunha gornición de patacas e cenorias. Aparte cocían o fígado e a lingua do peixe, que compoñen un prato típico chamado Mölge.

As sucesivas campañas do skrei en diversos países europeos, aparte da propio Noruega, permitiron compoñer un amplo e rechamante receitario para este peixe de tempada, receitario que se pode atopar na web dos exportadores noruegueses de produtos do mar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *