O viño novo do Ribeiro

Antón Tovar

En Arredores (1962).Eiquí as retortas cepas,
coma maus enrugadas cara ó ceo,
por onde rube a saiva;
cepeiras tortas, cotovelos
velliños de vendimias, ano tras ano,
outono tras outono, segredo tras segredo.
I enriba o sol, as anduriñas ceibes
que agora emigran polo vento.
Eiquí istes vimbios apreixando
acios de un soño antergo
¡Ai!, meu amor, agora
cumpriuse o tempo.
Rube da terra
o vexetal anceio,
peta no cerne o zume sagro,
chama nos peitos,
chouta na folla
e brinca no ar.Védeo,
xa vén agallopando
de cara ós nosos beizos,
fatal e xeneroso,
xurdindo irremediábel do mistéreo
como si fora amor,
ou anduriña fora, ou morte.Védeo
pintando os acios,
roxos, amarelos.
A pel da uva
xa canta coma un melro.
Olládeo por Barbantes,
Esposende e Castrelo,
polas congostras pinas
de Ribadavia e Leiro.
Eí vén o viño novo,
agallopando ós nosos beizos.

Foxen as anduriñas, meu amor,
no tiovivo do tempo,
e vén o viño novo. O viño dos abades
e dos mozos, ¡o viños do Ribeiro…!
¡Ai, meu amor, agora
o corazón triste e baleiro
imos inzar de nubes e paxaros,
imos inzar de lus iste morcego
de corazón. Unha anduriña ha ser
na cunca, unha anduriña ós catro ventos…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *