Fame

FAME

Celso Emilio Ferreiro
(De Longa Noite de Pedra, 1962)
Eran dúas velliñas e un neno.
Tódolos días chegaban con andar canso,
pouco a pouco, sorteando os escombros
das casas derrubadas. Silenciosamente,
nun curruncho da rúa, alí onde nós estábamos
xantando, esperaban caladas, concentradas,
isoladas, coma frores murchas. O neno falaba
cos soldados. Os rancheiros arrastraban até a porta
as perolas renegridas e grasentas
e púñanse a repartir a bazofia que sobrara
do xantar. As velliñas e o neno ateigaban as
súas tarteiras e após marchaban, como viñeran,
con andar canso, pouco a pouco, coma tres cousas
negras que se esvaían na estrana paisaxe
tragadas pola boca negra do refuxio antiaéreo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *