Cortadores de xamón

Hoxe tocou xamón. Celebrábase en Lugo o I Concurso de Cortadores de Xamón Cidade de Lugo e aló fun impoñer respecto como parte do xurado do mesmo.

Doce cortadores das provincias de Lugo e A Coruña se enfrontaron a outros tantos xamóns galegos, elaborados pola firma lucense Torre de Ñúñez. Xamóns de porco branco pero dunha notabilísima calidade, que hoxe en Lugo me pareceu moito mellor que no concurso celebrado en xuño na Coruña, onde o xamón estaba algo salgado de máis.

Falo do pouco que probei. Isto de ir de xurado non é tan marabilloso como a algúns lles parece. Dúas horas sentado mirando como cortan xamón para, ao final, cando rematas de cubrir as fichas e de achegas á mesa onde se supón está o xamón cortado para probalo en compaña dun viño, descobres como o público que esta ás túas costas deu xa boa conta do pernil e ti quedas a dúas velas.

Menos mal que antes, entre quenda e quenda de cortadores nos achegaron ata a mesa do xurado un par de pratos para que puideramos probar. Desa o público quedouse coas gañas e paréceme que ao final se vingaron en nos.

Gañou o concurso Angel Sánchez Caamaño, do restaurante Aquarium da Casa dos Peixes da Coruña, que en xuño xa fora o segundo clasificado no concurso celebrado na súa cidade. Claro que daquela tivo que deixar o ouro para Sergio Carozo, da Asociación Extremeña de Cortadores, todo un profesional desta actividade que hoxe formaba parte do xurado.

O detalle gracioso da xornada, que se plasma nas fotos (o do nº 1 foi o gañador da proba), foi a visita do conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, e do Alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco, que aceptaron gustosos a invitación a cortar unha lasca. Todo por saír nas afotos, dixo Pelúdez.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *