Mazás albariñas

Nunha recente visita A Rosal para coñecer as plantacións de mirabeles que alí ten Froitas do Rosal, preto de 20 hectáreas que en poucos anos estarán a producir arredor de 300.000 quilos de froita ao ano, nunha visita, dicía, coñecín estas mazás albariñas alí cultivadas.

Contan que noutro tempo eran moito máis abundantes que agora e que con elas facían unha deliciosa sidra, moito máis doce que a asturiana, pero eu probei as que vedes na foto e, certamente, me pareceu unha interesante variedade: aromática, saborosa e moi equilibrada, cun chisco de acidez e outro de dozura que se complementan moi ben.

Teñen estas mazás unha particularidade certamente curiosa: hai que comelas antes de que estean maduras por completo, momento no que a súa carne é tersa, renxente e moi zumenta. As que están ben maduras convértense en fariñentas e secas.

Así que hai que buscar as que comezan a madurar e evitar as moi maduras e aquelas que presentan o “aceitunado”, unha especie de mazaduras que en realidade se deben ao sol, polo que me contan. Pódese apreciar na parte de arriba da mazá superior esquerda da foto.

Se ides polo Rosal en setembro, buscade as mazás albariñas e probade.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *