Cociñeiros de premio

Unha idea moi estendida por España adiante di que en Galicia se cociña pouco por causa da extraordinaria calidade da materia prima que produce o noso mar, as hortas e o gando galego. Os que tal din consideran que a cociña galega se reduce a cocer mariscos, peixes e patacas, cousa que efectivamente sucede nun bo número de restaurantes que pretende vivir preferentemente dos turistas e visitantes da nosa terra.

Tales propagandistas da nosa cociña demostran descoñecer por completo a realidade da cociña popular, a que se practica hoxe e se practicou sempre nos fogóns de cada familia galega, cunha variedade enorme de preparacións, algunhas sinxelísimas, outras rozando as complexas preparacións da alta cociña.

Pero a realidade dunha cociña galega elaborada non se limita aos guisos herdados das nosas aboas, senón que se está mostrando cada vez con máis forza nos restaurantes aos que se incorporan as novas fornadas de cociñeiros, cun nivel de formación teórico e práctico altísimo grazas ao traballo das escolas de hostalería que nas últimas décadas están a ofrecer unha colleita de profesionais de primeira fila.

Toñi Vicente, Marcelo Tejedor, Pepe Solla, e tantos outros son xa figuras consagradas por moito que algúns deles sexan aínda moi novos, pero detrás veñen xa novos valores pedindo paso e un lugar entre os mellores fogóns do país.

Hai so uns días tiña lugar o décimo campionato de España de cociñeiros, organizado no marco do Salón Internacional do Club de Gourmets. Dos seis premios concedidos nesta campionato, tres foron para cociñeiros galegos, inda que un deles en realidade representaba ao País Vasco. ¡O país dos cociñeiros representado por un galego!.

Daniel Negreira, cociñeiro do restaurante donostiarra Illarra, que como dixen representaba ao País Vasco, obtivo o segundo premio do campionato, inda que algúns críticos alí presentes consideraron que o galardón era pouco para o traballo realizado por este rapaz, natural do coruñés concello de Brión. Miren por onde, o concello onde eu vivo.

Ademais dos tres premios gordos no concurso tamén se premian os mellores pratos de peixes e carne presentados, así coma o mellor axudante. No primeiro caso (mellor prato de peixe) o premio foi para o galego Diego Bello, cociñeiro do Playa Club de A Coruña. Non esquezan o seu nome, que soará cada vez máis en Galicia.

Tamén unha galega, Susana Castiñeira, recibiu o galardón como mellor axudante de cociña polo traballo realizado ao pe de Diego Bello.

Pero os galardóns non paran aí. No pasado mes de marzo tivo lugar en Barcelona o concurso para elixir o mellor cociñeiro do ano no transcurso da feira Alimentaria, en Barcelona. Nesta ocasión o segundo posto foi para o propietario e cociñeiro dun restaurante de Ourense: Flavio Morganti, un italiano instalado en Galicia por amor. No seu restaurante Galileo mestúranse a cociña italiana e a creativa, sen esquecer nunca que está en Galicia.

E temos moitos grandes cociñeiros máis en Galicia. Coma os lópeces que me acompañan periodicamente nas páxinas de El Progreso: Héctor, Diego e Nacho, ou Jorge García, tamén presente na mesma sección.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *