¿Botellín ou botellón?
Corrían os primeiros anos setenta. Pode que fora o mesmo 1970. Era setembro e o Valadouro preparábase para a celebración da penúltima festa dos eu calendario festivo ao longo do ano: as “Dolores” de Budián, con dos días de festas e verbenas no adro situado ao pe da igrexa parroquial
Este ano a comisión de festas non chega a un acordo cos propietarios das cantinas que sempre se poñían no campo da festa. Os cantineiros non están dispostos a ceder ás esixencias económicas da comisión, que consideran desproporcionadas, e por iso deciden non ir ás “Dolores”. Todos menos a cantineira de Santa Cilla, que ve unha boa oportunidade de negocio e decide ser a única que plante o seu establecemento na festa.
O resto de cantineiros reaccionan ante tal deslealdade e plántanse no medio da verbena co remolque dun tractor atestado de cervexas, que venden a prezo de custe. A festa foi rachada e os excesos etílicos xeneralizados. Alí estaban as pandillas que mercaban as cervexas por caixas (catro ou cinco caixas cada vez) arredor das cales facían corro e festa. Nun destes corros, Óscar de Lourenzo dedicábase a baleirar cervexas por derriba da cabeza de cada vella que pasaba a rente seu: “Cale, señora, cale, que un non ten oportunidade de bañarse en cervexa tódolos días”, dicía cando as vellas protestaban polo trato recibido.
Un integrante doutro corro (¿Abilio dos Lobos?, ¿Amando?) convidaba aos homes traxeados que se lle achegaban. Collía un “cuarto” de cervexa, quitáballe a tapa e metíalla ao traxeado no peto do pano da chaqueta, iso sí, boca abaixo. E a chaqueta quedaba para o tinte.
Cheos de razón, os cantineiros dedicáronse a boicotear o negocio da cantineira desleal. E aí estaban Ovidio e Fernando, levando entre os dous unha caixa de cervexa e vendendo polo medio das mesas da cantina intrusa. E o Carrexo, o troiteiro máis famoso da historia do Valadouro, co seu cesto de pesca cargado de cervexas e vendéndoas polo medio do baile. O remolque baleirouse e foi recargar a Ferreira, recollendo toda canta cervexa tiñas os bares da vila para volver a Budián. Ferreira quedou deserta, en Budián non cabía unha alma. E volveuse a acabar a cervexa. A do día seguinte é outra historia. Entón foi a boticaria quen fixo caixa.
A cerveza El León era unha das máis populares por aquel entón. Os interesados en antigas botellas de cerveza española serigrafíadas non pode deixar de visitar Breweriana, á que pertence a imaxe que ilustra este post.
Un dato para a curiosidade, o prezo a que se venderon as cervexas áquel día foi de tres pesetas a unidade. Evidentemente, eran pesetas de hai trinta e cinco anos. !Aqueles tempos que non voltarán¡