Que facer co millo tenro
Media Galicia está hoxe cuberta de millo en proceso de maduración, ofrecéndonos grandes posibilidades na cociña. En Galicia o millo empregámolo unicamente para a preparación de pan e empanadas e, recentemente, en algunhas ensaladas, grazas á aparición nos supermercados do millo doce en conserva.
Co millo así desgranado podemos preparar os típicos tamales cubanos ou mexicanos, nos que o millo triturado se acompaña dun sofrito feito con cebola e pemento, algo de picante, e carne de porco ou polo. Despois póñense porcións da masa en follas da propia mazaroca do millo e envólvense formado un paquetiños, que de seguido se cocen nunha cazola con auga salgada. Trátase dunha receita algo complicada, pero que permite facer unha tanda grande de tamales para conxelalos para usos futuros.
Pero existen unha receite colombiana moi sinxela e de resultado delicioso: as “arepas de choclo” e as “masitas”. A diferenza fundamental entre unhas e outras está no tamaño e no uso. As primeiras son grandes, tanto coma un prato de sobremesa, e consúmense principalmente no almorzo, con queixo ou xamón. As masitas levan xa o queixo incorporado na masa e teñen tamaño máis pequeno, como unhas chulas, e pódense comer como acompañamento doce de calquera outro prato ou ata de sobremesa.
Aí vai a receita: o millo tenro (por exemplo de 4 ou 5 pichorros) ponse no vaso do batedor xunto cun ovo, un anaco de queixo (pode valer un queixo de tetilla e tamén de mestura de vaca e ovella tenro), unhas culleradas de azucre moreno (os colombianos poñen “panela” que se pode atopar nalgúns comercios especializados, o seu sabor é moi semellante ao do azucre moreno, inda que menos refinado) e un chisco de sal. Tritúrase ben a mestura e ponse a tixola ao lume, cun pouco de aceite. Cando o aceite vai quente bótanse, cun cullerón, pequenas porcións da pasta obtida, fritíndoa ata estar dourada. Convén non botar demasiada pasta de cada vez, xa que se vai estender pola tixola, e canto máis grande sexa a masita máis difícil vai ser darlle a volta.
Cando as masitas están douradas vanse sacando para un prato cuberto cun papel de cociña, que absorberá o exceso de aceite, e sérvense quentes. Como dixen, acompañan moi ben a calquera prato salgado.
Proben, que non se arrepentirán.