Cocido maragato

Domingo de Resurrección. Día de volta á casa despois duns días de vacacións en Madrid. A miña muller, que non é moi comedora por aquelo de coidar o tipo, e pola mesma me ten sometido a unha permanente restrición calórica, por aquelo dos meus quilos de máis, a miña muller, dicía, ten un momento brillante e propón parada relaxada para comer un cocido.

É ben certo que o cocido non semella a mellor comida cando un ten que viaxar, pero se a viaxe se fai sen presa, non hai obstáculo para dar boa conta do mesmo.A medio camiño entre Madrid e Compostela atópase a Maragatería, e de todos debería ser coñecido que o maragato é o cocido máis semellante ó galego entre cantos se cociñan por España adiante. Para min que ó mellor este cocido leonés é a orixe do noso cocido actual, xa que foron maragatos quenes trouxeron a Galicia os garavanzos, o pemento para facer os chourizos, pode que a maneira mesma de facelos e ata a receita do cocido actual.Astorga é a capital da Maragatería, pero o cocido maragato ten o seu trono en Castrillo de los Polvazares, vila a cinco quilómetros da capital comarcal, e que paga a pena visitar, tanto pola calidade da comida como pola beleza singular da vila. Castrillo ven merece unha visita, xa que se trata dunha vila tipicamente maragata perfectamente conservada e verdadeiramente bonita. O mellor programa é comer o cocido na vila e despois, para baixalo, pasear as súas rúas e visitar tódolos recunchos da mesma.

O cocido que nos puxeron o pasado domingo levaba lacón, costela adubada, unlla de porco, galiña, faldra de tenreira, patacas, garavanzos e repolo. Tamén o “relleno”, unha especie de tortilla feita con pan, carnes ben picadiñas e ovos. Máis da metade do que nos puxeron na mesa quedou na fonte, tal é a abundancia do servizo. Por certo que, como sucede nalgunhas zonas de Galicia, a sopa foi servida de segundo. O prezo 14 euros por persoa, sobremesa e bebidas á parte.

Castrillo e o seu cocido ben merecen unha visita. Sairán satisfeitos, pero ollo, se van en día de festa ou domingo mellor será ter reserva ou chegar a comer cediño, en caso contrario poden quedar sen mesa.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *