Parece que a Xunta de Galicia xa espertou e, segundo escoito na radio, a consellería de Pesca anuncia que se persoará como acusación particular no caso das vieiras, se o xuíz o permite. Agardemos agora que tamén anuncien o reforzamento das medidas e do persoal que loita contra o furtivismo en toda Galicia, cousa que sería de agradecer.

Claro que a solución ao problema das vieiras non é solo policial e de vixilancia. (Roubar está prohibido, os cárceres están cheos de ladróns, as rúas de policías e séguese a roubar). A mellor maneira de evitar que o furtivismo aparte de ser un problema económico e fiscal sexa un problema de saúde pública é evitar a contaminación das rías nas que vive o marisco, facendo que tódalas augas residuais de poboacións e industrias acaben nunha depuradora. E supoño que sería axeitado que despois de pasar pola depurado foran a mar aberto e non ás rías. Todo é cuestión de investimento e de vontade política.

Penso que non é este momento de culpar á Xunta de Galicia do problema que está a vivir Galicia. Porque non é culpable do que fan os cidadáns, de forma consciente e libre.

Pero non é menos certo que a responsabilidade da Xunta non acaba ao converterse en acusación particular. Hai quen di que a mellor defensa é un bo ataque.


Despois dun repaso minucioso ás edicións dixitais de xornais galegos e españois e de radios e televisións, poucas novidades hai sobre o asunto das vieiras, pero seguen as preguntas.

Segundo La Voz de Galicia, o Seprona informou ao xulgado de que as vieiras de Ferrol estaban chegando a oito restaurante, que non son nin de lonxe os 30 ou 40 dos que falou Chef Rivera. La Voz apunta nomes que xa dera antes El Correo Gallego: Sexto I, Sexto II e Algueirada, en Santiago de Compostela, ademais dos Marlima I e Marlima II, de Sanxenxo, Casa Laura e Casa Ces, de Poio, e Toñi Vicente que é o único nome de persoa que sigue sendo público. Semella que o resto de restaurantes citados non teñen responsable. En calquera caso, suman sete establecementos, así que aínda falta un por coñecer.

Algo que tamén queda claro é que o sumario so debe ser xa segredo para os avogados dos implicados, e ademais non debemos perder de vista un feito que pode retrasar os trámites xudiciais, alongando todo este asunto: o asasinato de dúas persoas en Ferrol esta mesma semana está en mans do mesmo xuíz que leva o caso das vieiras, que terá polo tanto que duplicar esforzos.

Por parte dos cociñeiros continúan algunhas declaracións pouco afortunadas, despois das de onte de Chef Rivera.

E como detalle, non perdan a información que ofrece na súa web Antena 3, onde o texto escrito e o video que o acompañan se contradín por completo: mentres por escrito din que “Las vieiras gallegas se siguen vendiendo con normalidad” no video aclaran que neste momento non hai vieira galega fresca no mercado. E no texto escrito esquecen que non basta con retirar o hepatopáncreas para que a vieira galega sexa apta para o consumo. Ademais é preciso realizar análises que garantan que na vianda e na gónada non hai toxina ou está dentro dos niveis admitidos, proceso para o que en toda Galicia so hai unha empresa autorizada.


Algunha resposta ás miñas preguntas:

¿Cal é a causa da presenza de toxina nas vieiras e noutros mariscos galegos?.

Responde Vitoriano Urgorri, catedrático de Biozooloxía Mariña da USC e director da Estación de Bioloxía Mariña de Ferrol, en Vieiros.

¿Qué planes ten a Xunta para poñer solución a este problema? (en Ferrol leva dez anos prohibida).

Responde: consellería de Pesca da Xunta de Galicia.


Escoitei a Chef Rivera está mañá na Radio Galega, e o que dixo non me pareceu moi acertado, pero tiña un pase. Se agora se confirma o que di La Voz de Galicia xa estamos apagando o lume con gasolina… ¡ao prezo que vai a de 98!

A crise das vieiras está a ter certos efectos adicionais entre os que agora quero destacar un: o prestixio dos blogastrónomos galegos.

Dende a tarde do domingo Capítulo 0 e Colineta están dando información periódica sobre o asunto. Nuns casos trátase de recopilacións críticas do que están a publicar os medios de comunicación tradicionais e noutros reflexións e achegas propias sobre o asunto. No caso de Colineta este é o séptimo post dende o domingo.

A resposta dos lectores é impresionante. As estatísticas de Colineta do día de onte (luns, 8 de setembro) superan o triplo da media, pero se algo resulta satisfactorio é ver como hai lectores que recorren á información dos blogastrónomos antes de ler a dos xornais. Din que se fían máis.

Pero non é todo. Un medio con presenza masiva en toda Galicia como é a Radio Galega demandou a presenza de Manolo Gago (Capítulo 0) e de min mesmo nos seus programas. Gago falou esta mesma mañá en Un día por diante (escoitar aquí, Un día por diante, martes 9 de setembro, arredor das 12: 26 horas). Pola miña parte, estiven onte en O tres do serán (escoitar aquí, O tren do serán, luns 8 de setembro, arredor das 17:07 horas).


Parece que as cousas, polo menos no que se refire a Toñi Vicente, se van aclarando. Acabo de escoitar na Radio Galega unha entrevista con Chef Rivera como vicepresidente da asociación Xantares, á que pertence Toñi, bastante reveladora.

Na entrevista Chef Rivera indicou que levaba toda a mañá reunido con Toñi preparando un comunicado, polo que considero as súas palabras dignas de todo crédito.

Rivera indicou que Toñi foi detida no seu restaurante cando mercaba uns capachos de vieira (penso que falou de dous) e foi conducida, esposada, a Ferrol. Cualificou a actuación de Toñi Vicente como descoido e erro e tentou, moi timidamente, xustificar á cociñeira compostelá. Pareceume bastante mal asesorado en materia de comunicación.

Eu sigo con dúbidas:

¿Cantas vieiras estaba mercando Toñi?

¿Cantas mercou en ocasións anteriores?

¿Que pasa coas catro toneladas incautadas en Xanquei?

¿Cal é a causa da presenza de toxina nas vieiras e noutros mariscos galegos?

¿Qué planes ten a Xunta para poñer solución a este problema? (en Ferrol leva dez anos prohibida).

¿Cando imos ter toda a información sobre o caso?

¿Cando imos saber con certeza o resto de restaurantes implicados? (xa estou farto de ler que hai máis cociñeiros “de prestixio” implicados).

¿Cantos inspectores en materia de alimentos ten a Xunta en Galicia?

¿Cantos dos que critican a Toñi mercarían as vieiras a 80 céntimos se lle las ofreceran? (a resposta non desculpa a Toñi).

A entrevista a Chef Rivera pódese escoitar na web da Radio Galega, programa Un día por diante, alredor das 12,20 horas.


Xornais internacionais, coma o International Herald Tribune, ocúpanse do caso das vieiras ilegais

Lee el resto de esta entrada »

O caso das vieiras avanza lentamente, como era de agardar, e achéganse novos datos que non sei se comezan a aclarar as cousas ou poñelas aínda máis revoltas.

Dende o comezo os medios de comunicación dixeron que Toñi Vicente fóra detida en Ferrol cando mercaba vieiras, pero hoxe Faro de Vigo asegura que se produciu “en el momento en que Toñi Vicente adquiría la mercancía, en su restaurante, a uno de los mariscadores implicados en la trama”.

Doutra banda as actuacións xudiciais seguen baixo segredo de sumario pero, segundo Faro de Vigo e El País o fiscal do caso xa fixo declaracións asegurando que Toñi mercou vieiras directamente aos mariscadores en tres ocasión. O prezo sería de 80 céntimos a unidade. Persoalmente poño as dúas informacións en corentena.

Por outra parte, seguimos agardando o comunicado que prometeron Toñi e o seu avogado, comunicado que canto máis tarde peor, especialmente despois de ter sido anunciado.

Polo que respecta a novos implicados, El Correo Gallego asegura que están imputados catro restaurantes “medios” (¿?) de Poio e Sanxenxo: Marlima I, Marlima II, Casa Ces e Casa Laura.

La Voz de Galicia é quen vai máis lonxe e detalla algúns aspectos da actuación xudicial e policial atribuíndo os datos a “fuentes que conocieron ayer el contenido de la investigación”. La Voz asegura que foi comisada vieira nos restaurantes Sexto e Sexto II, ambos en Santiago de Compostela, sen máis detalles. Non fai referencia aos restaurantes de Poio e Sanxenxo pero si da os nomes dos detidos que ingresaron na cadea e do responsable de Xanquei, en liberdade sen fianza, e que nega relación co caso.

O sumario semella ser xa un segredo medio desvelado.


Hai uns anos, poucos, tiven que revisar en profundidade un bo número de xornais galegos de finais do século XIX, nun traballo de documentación que finalmente se convertería nun libro “O crime de Santa Cruz do Valadouro”, no que dou conta do asasinato, en 1888, do cura e os seus criados, nun tempo en que Jack o Destripador andaba facendo das súas pola capital inglesa.

Era un tempo en que as comunicacións non eran as de hoxe. Da Coruña a Ferrol íase en barco, porque se tardaba moito menos que por estrada, e a primeira nova dun asasinato perpetrado no norte da provincia de Lugo publicouse en Madrid. Dous días despois do asasinato La Voz de Galicia informaba de que “En Santa Cruz de Ferreira, obispado de Mondoñedo (Lugo), han sido asesinados el cura y tres criados”. Databa a nova en Madrid, 24 (24 de novembro de 1888).

Daquela aprendín que a información se movía ao ritmo ao que ían chegando a cada redacción os xornais das cidades e vilas máis próximas ao suceso. Así que La Voz de Galicia citaba un día o que dous antes publicara El Reparador (xornal de Mondoñedo) e dous días despois que na Voz aparecía a mesma nova en Faro de Vigo.

Pois con esto das vieiras tóxicas semella que está pasando o mesmo e xa me vou enchendo de ler referencias ao que onte publicaba La Voz de Galicia ou ao que declararon á Radio Galega na confraría de Barallobre.

E xa que está de moda, eu vou facer o mesmo e volver ao xornalismo do século XIX: acabo de ler na web de Europa Press que o Grupo Nove mandou un comunicado de apoio a Toñi Vicente. Non podo reproducilo aquí, como me gustaría, por la sinxela razón de que eu non recibín tal comunicado, que supoño coincide co que acaban de publicar na súa web.


De Colineta

Prohibicións que non son tal, redes de “traficantes”, estrelas michelín desaparecidas, a desinformación medra arredor do problema das vieiras ferrolanas, mentres continúa o segredo do sumario

Lee el resto de esta entrada »

Actualidad

    sígueme en Twitter

    © 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura