Hai xa algún tempo que Meigas Fóra comercializa un licor de toxo, moi ben presentado cunha ramiña do arbusto no interior da botella, que semella un licor de herbas algo mentolado e que a min, que queren que lles diga, me gusta bastante. Detrás da destilería está Domingo Cortizas, un galego emprendedor onde os haxa, que pasou de fabricar prendas de coiro en Ares a fabricar empanadas en Madrid para acabar, polo momento, á fronte desta destilería coruñesa.

Pero non é o único. Recentemente atopei na praza de abastos de Compostela as botellas que se ven na fotografía, da marca Codesal. Non poido falar do que hai dentro da botella, pero o certo é que a imaxe gráfica non é moi atractiva e ademais pode dar lugar a confusión coa inclusión desa flor de codeso no canto da máis axeitada de toxo.

Chamoume a atención que unhas botellas están rotuladas en galego e outras en castelán, inda que inicialmente pensei que se trataba de castrapo. Pero consulto o dicionario da Real Academia Española e sácame da miña burramia: tojo é un termo correcto en castelán. Claro que fóra de Galicia poucos saben que é o tojo, así que mellor sería poñer o seu retrato na foto.

O do licor de toxo non é cousa de agora. Foi aló pola década dos setenta do século pasado cando se inventou o licor de flor de toxo por parte Destilerías del Noroeste, de Xubia (A Cruña) (sic).

Daquela eu era moi novo e non bebía licores, pero lembro o impacto da aparición no mercado daquel licor absolutamente enxebre, fabricado en Galicia, etiquetado en galego (se hoxe é unha novidade imaxinen hai preto de 40 anos e con Franco aínda vivo) e reproducindo na súa caixa a bandeira e o himno galego. Aínda non me explico como os grises non disolveron nunca aos parroquianos presentes en calquera taberna galega.

Durante un tempo as botellas de licor de toxo víronse en tódolos bares e tabernas de Galicia. Non sei se o vendían ou non, pero co paso do tempo a presenza do mesmo foise reducindo ata desaparecer.

A botella da foto atopeina hai uns anos en Lagoa (Alfoz), nunha taberna que acababa de pechar as súas portas por xubilación do propietario. Alí conseguín tamén botellas de xenebra Focking e unha verdadeira xoia: unha botella orixinal de Triple Seco, co seu absurdo formato, que xa sacarei aquí outro día.

Como na foto adxunta non é posible ler o texto, reproduzo de seguido o que dí a súa etiqueta, sen quitar nin poñer coma:

“LICOR DA FROR DO TOXO

O TOXO, SEMPRE ALPURNADO, ALDRAXADO E ATACHADO, ESTA EIQUI POR ALGUNHA RAZON. NINGUEN TENCIONOU OS MOTIVOS DA SUA PRESENZA NA NOSA BIEITA TERRA. MAIS TIVO DE CHEGAR O MOMENTO DE FAGUERLLE COMPRIDO HOMAXE O QUE CONTEN ESTA BOTELLA, CEIBOUNO O TOXO: ENTON ¿VAL OU NON?.

TEN DE SER UNHA LABOURA DE DESCOBERTA FEITA PO-LOS TEINICOS DE

DESTILERIAS DEL NOROESTE

DE

XUBIA (A CRUÑA)”