Os 45 establecementos participantes ofreceron un total de 113 tapas.

Lee el resto de esta entrada »

Tapas e máis tapas, todas pensadas para triunfar, se poderán degustar a partir desta fin de semana en Vigo e Santiago, no marco dos seus correspondentes concursos de tapas. Nos dous casos o concurso continuará ata o 13 de xullo.

No caso de Vigo é xa a terceira edición dun concurso que se limita ao casco vello da cidade e que conta unicamente coa participación dunha ducia de locais que servirán tapas diversas ao prezo dun euro.

Os locais participantes no concurso vigués e as tapas que ofrecen son os seguintes:

La Carbonara, mini espetada de carne con salsa ao funggi
Creperie do Mar,
crepe tartar ou boursin de saumon
Herba Luisa,
cabaciña ao curry
Trastévere,
filloa mixta
Marisquería Bahía,
revolto de zamburiñas ao suspiro de pomarola e herbas silvestres
Petiscos, petisco delicia da Ría
Mama Oko,
mini espetada tandoori con salsa verde de cilantro
Vinoteca A Meiga,
montadito Á Meiga
A Curuxa,
collóns de crego
Pita Tola,
ceviche
La Comidilla,
quevirantes
Alta Fidelidade,
mexillóns ao estilo Alta Fidelidade
Gout Doux,
mar adentro.

45 locais en Compostela

Polo que respecta a Santiago de Compostela, na primeira edición do concurso de tapas “santiago(é)tapas” participarán un total de 45 establecementos que ofrecerán máis dun cento de tapas diferentes.

Entre as novidades que presenta o concurso de Santiago está a creación do tapasporte, que permitirá acreditar o paso dos clientes polos diferentes locais das rotas establecidas, de maneira que haberá premios seguros para os primeiros clientes que completen polo menos unha ruta de tapas.

Na web de santiago(é)tapas hai xa abonda información sobre o tapasporte e a súa forma de uso e en breve poderán coñecerse os locais participantes no concurso, as tapas que presentan e ata as receitas empregadas para a súa elaboración.

ÚLTIMA HORA: xa se poden consultar na web os locais participantes no concurso santiago(é)tapas e as súas propostas


Tapas-2

Vai quedando menos tempo para o inicio do primeiro concurso de tapas de Santiago de Compostela (Santiago(é)Tapas), que se desenvolverá ao longo de dúas semanas, dende o 28 de xuño ao 13 de xullo.

Como paso previo ao concurso, na próxima semana os hostaleiros composteláns poderán participar nun curso de preparación de tapas que impartirán tres dos grandes especialistas do sector.

Na primeira sesión Edorta Lamo e Íñigo Cojo de A Fuego Negro (San Sebastián), cociñarán e falarán sobre a conceptualización dunha tapa, a organización e loxística dunha barra e de unha cociña especializada nas tapas ou a súa exposición. Íñigo Cojo foi o gañador do Campeonato Euskadi de Pintxos en 2006 y 2007.

Pola súa parte, Paco Guzmán, chef do barcelonés restaurante Santamaría traballará coas súas habituais preparacións feitas con produtos de orixe moi diverso (lentellas, arroces, especias…) que se renovan constantemente.

Cos cervexeiros non

Como tódolos anos, Cerveceros de España volve a dicirnos con quen prefiren os españois saír de tapas, que beben e que comen neses momentos. E como tódolos anos cabréome coa tomadura de pelo dunha suposta enquisa, e como cada ano me cabreo máis desta volta dígolles que se vaian ao carallo.

Menten sen vergoña ao tempo que amosan o seu descoñecemento da realidade e demostran que so lles interesa vender, cos métodos que sexa. Como tódolos anos, a enquisa di que á hora do aperitivo os galegos prefiren a cervexa. Deberían dar unha volta polos bares de Galicia para comprobar a realidade, e xa de paso os enquisadores e os cervexeiros que leven consigo aos redactores dos medios de comunicación galegos que reproducen a nota de prensa recibida sen o máis mínimo análise. A realidade é que o consumo de viño en Galicia segue sendo moito máis alto que o de cervexa.

Xa teño falado outras veces destas enquisas e me remito ao publicado en 2006 e 2005. Tamén teño falado persoalmente cos responsables da realización da enquisa, que un ano me recoñeceron que nesa ocasión non realizaran ningunha enquisa e que traballaban cos datos do ano anterior, no que me indicaran que non sabían cantas enquisas realizaran en Galicia porque trataban conxuntamente todo o noroeste e norte de España: galegos, asturianos, cántabros, vascos, casteláns, leoneses… todos no mesmo saco.

Eu, a verdade, desta volta tomaría uns viños con calquera… menos cos responsables desta pseudo-enquisa.

Ata o próximo domingo 25 de maio un total de 33 establecementos hostaleiros de Ribadeo ofrecerán un total de 52 tapas no marco da terceira edición do concurso de tapas Ribadeo de Tapeo. Lamentablemente este ano non poderei formar parte do xurado, como nas dúas edicións anteriores, por estar fora de Galicia a próxima fin de semana, na que se producirá o fallo.

Ribadeo de Tapeo naceu como unha iniciativa da área de dinamización do concello e cunha preocupación: ¿cómo aceptarían os clientes ter que pagar a súa tapa nun concello onde se estila servir unha tapa de balde coas consumicións?. A primeira edición marcou a pauta, con moitos miles de tapas vendidas nunha semana, de maneira que nos anos sucesivos se incrementou de forma substancial o número de establecementos participantes no concurso, cunha oferta certamente destacada pola súa calidade para unha pequena localidade como é Ribadeo.

Claro que os hostaleiros ribadenses toman a cousa en serio. Hai xa bastantes días un dos participantes buscaba consello sobre a súa proposta entre os lectores do blog Salsa de Chiles. Semella que as opinións recibidas foron do seu agrado, xa que presenta ao concurso a tapa para sobre a que pedía consello: confit de pato con falso risoto de xamón e pataca confeitada.

Na oferta dos hostaleiros ribadenses un pode atopar de todo, dende as receitas máis tradicionais (cazola de rabo, guiso de polbo, salpicón, tortilla, empanada, arroz caldoso de polbo) ata outras moito máis elaboradas (solombo de porco ao chocolate con pementos confitados, chula de millo doce con marmelada de pemento doce, gelee de berberechos con crema de gambas aceite de rúcula e gambas en tempura). Naturalmente, non poden faltar as tapas “sorpresa”: tentetieso da miña avoa Marcela, boi con boina, mar de fondo, feira do mar…

Sen dúbida é unha boa desculpa para visitar na próxima fin de semana a Mariña.

“Cerveceros de España” e as empresas demoscópicas que traballan para eles toman de coña aos consumidores de cervexa. Os xornais de mañá informarán de que os galegos prefiren tomar as cañas con Rodríguez Zapatero, Fraga, Rajoy, Touriño e Fernando Alonso, Raúl e Anxo Quintana, por ese orde. Os resultados saen dunha suposta enquisa realizada para ditos Cerveceros.

Pasado mañá os mesmos xornais informarán de que os galegos prefiren a cervexa (31%) para o aperitivo, seguido dos refrescos de cola (19%) e limón (9%) e o viño (7%). Non estou a traballar cunha bola de cristal, limítome a reproducir as porcentaxes publicadas hai un ano.

Entre as tapas máis destacadas estarán a tortilla, as olivas e a ensalada rusa, así como as patacas bravas e ali-oli, as gambas e outras delicias. Nin empanada, nin callos, nin polbo nin outras trangalladas.

Cada primavera a mesma enquisa ataca de novo. Digo a mesma porque os resultados repítense ano tras ano. Os xornais non preguntan cómo, onde, cando, a quen, de que maneira, se fixeron as enquisas, no caso de que se fixeran.

Coma o asunto non da para máis, convido a visitar os post sobre este tema publicados o ano pasado. Como supoño que Angelina Jolie non está agora para andar de viños, este ano case a vou cambiar por Mabel Rivera, que é o primeiro nome que me ven á cabeza, seguramente porque acabo de ler algo sobre ela no xornal.

Tamén hai algún dato sobre o consumo real de cervexa e viño en Galicia.

Teñen os madrileños un curioso costume que chama a atención dos etnógrafos e viaxeiros procedentes doutras culturas: saír de cañas cos amigos (eu sei algo do asunto, que para algo vivín no foro 18 anos). Xúntanse varios colega e van de bar en bar, bebendo vasos de cervexa (que chaman cañas cando deberían dicir cañas de cervexa, xa que caña é o vaso, non o contido). Para acompañar a cervexa os madrileños comen pequenas porcións de tortilla de pataca, boqueróns en vinagre, olivas, gambas, luras fritidas, e cousas polo estilo nos sitios de altura. Nas tabernas máis populares a cervexa resulta máis barata, pero a tapa, que así se chama esa pequena porción de alimento, non vai máis aló dun pouco de sangue cocido, uns anacos de patacas acabadas de fritir con sal como todo adobo…

Centro esta descrición en Madrid por poñerlle un lugar xeográfico á cousa, pero o acontecemento repítese en moitos outros lugares de España. En Galicia non. En Galicia xúntanse os amigos para saír tomar uns viños. O que si se repite entre nos é o costume de comer as tapas, inda que o contido das mesmas sexa abondo diferente que en Madrid.

Xa notarían un algo de coña na maneira de contar o conto. É que non me parece serio que un ano máis nos veñan coa coña das enquisas sobre o consumo de cervexa e sobre os personaxes con que nos iríamos de cañas. A enquisa publicada nalgúns xornais di que os galegos iríamos de cañas con Zapatero e Fraga, por ese orden. Mágoa que non preguntaran con quen iríamos tomar uns viños, que a min, se me dan a escoller, prefiro a Angelina Jolie. A miña muller non, ela prefire a Mel Gibson. Cousas das enquisas.

Pero ao final os galegos saímos tomar algo cos amigos, e no meu círculo de amizades non está ningún dos catro personaxes citados. O que xa non é tan seguro e o que bebemos os galegos. Polo menos non parecen estar moi seguros os autores da enquisa. O xornal di que o 31% prefire a cervexa, seguida dos refrescos de cola (19%) e dos de limón (9%).

Como eses datos, referidos a Galicia, me parecen máis falsos que os billetes de 37,50 pido que me manden a información completa. Sorpresa: este ano so se fixo unha enquisa sobre a compaña preferida, pero non sobre a bebida. Os datos sobre o dominio da cervexa nos nosos gustos son do ano pasado, segundo me din, inda que os que me remiten están datados en agosto de 2003.

O informe confirma os datos que recollín unhas liñas antes e engade que o cuarto lugar está ocupado polo viño (7%). Se non me equivoco isto supón que por cada galego que toma viño no aperitivo, hai catro que beben refrescos de cola ou limón e cinco que beben cervexa. Mentres, o Ministerio de Agricultura asegura que o consumo de viño en Galicia duplica ao de cervexa, polo que so nos queda deducir que nas comidas e fóra do aperitivo os galegos dámoslle ao morapio de maneira desaforada.

Polo que respecta ás tapas, a enquisa di que o 36% por cento dos galegos prefiren a tortilla de patacas, seguida das olivas e a ensalada rusa. Despois veñen o xamón, chourizo e lombo, os tres metidos nun saco, as luras á romana e así ata un total de 19 especialidades tan galegas como as gambas ao alliño, as rabas, o peixe frito (supoño que será pescaíto andalú) e outros. Como a porcentaxe máis baixa dos 19 produtos da lista corresponde ás anchoas e ás patacas bravas, cun mísero 1% en cada caso, supoño que a empanada, os callos, a zorza, a orella, e outros produtos non están presentes porque aos galegos non nos gustan, o que demostra a tremenda equivocación dos nosos hostaleiros, que se empeñan en poñernos callos cando preferimos, poñamos por caso, rabas. Afortunadamente, entre os 19 produtos está o polbo á feira, que prefire o 2 por cento dos enquisados.

¿Recoñécense vostedes nestes resultados ou, coma min, pensan que nos están tomando de coña?. Aseguran os responsables do traballo que fixeron 1.700 consultas en toda España (por poboación a Galicia correspóndenlle arredor de 100), pero eu estou por crer que tampouco isto é certo. Claro que sempre cabe a posibilidade de que preguntaran a cen galegos residentes en Madrid cando andaban de cañas. Entón si, os resultados sería fiables e eu non tería razón para, unha vez máis, comportarme coma un destripa enquisas cabreado.

Esquecíame de dicir que a enquisa foi feita por encargo dunha asociación de cervexeiros españois. E tamén que eu comezo bebendo cervexa cando salgo cos amigos.


© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura