Dun tempo a esta parte estanse dando algunhas casualidades que me chaman a atención: algúns temas que publico en Colineta aparecen aos poucos días nalgúns xornais ou radios. Non estou a falar de asuntos difundidos a través de notas de prensa que o mesmo me chegan a min que ao resto de medios, senón asuntos coma o dos xeados Gael, que aos poucos días aparecían en La Voz de Galicia, ou o de Granxa Familiar, sobre o que acaban de falar na Radio Galega. Veremos se os produtos de Seagood, por exemplo, saen á palestra na próxima semana.

Nada que obxectar a que os blogs se empreguen como fonte sempre que despois o redactor de quenda desenvolva o seu propio traballo, como pasou nos dous casos sinalados. Distinto é cando se usa o copio-pego, do que fun vítima nunha etapa anterior.

Xosé Antonio Arribas, responsable de vendas de Seagood, reta a calquera consumidor a distinguir as cigalas ao vapor desenvolvidas pola súa firma doutras cocidas polo sistema tradicional. A peculiaridade dos produtos desenvolvidos por esta empresa atópase en que se trata de pratos conxelados que van directamente do conxelador ao microondas e en menos de sete minutos están listos para consumir.

Malia que o nome pode dar a entender outra cousa, Seagood é unha empresa absolutamente galega. Digamos que o instrumento do Porto de Celeiro dedicado ao desenvolvemento e comercialización de novos produtos, elaborados cos peixes e mariscos capturados pola flota deste porto lugués e verduras.

Cigalas ao vapor, lirios con verduras braseadas, filete de lirio con patacas e pementos, pescada con verduras braseadas, pescada con salsa verde, patacas e cabaciño, medallón de pescada con patacas e pementos, medallón de pescada con patacas braseadas, pescada con cigalas, arroz e pementos e filete de pescada con verduras braseadas compoñen o catálogo de precociñados de Seagood. Precociñadas están as verduras, que o peixe chega ao microondas cru, normalmente conxelado a bordo dos barcos que o pescaron.

Segundo Arribas, parte do segredo dos pratos está no envase en que se presenta, que fai que o peixe se coza no seu propio vapor e teña unhas características semellantes á cocción tradicional. O usuario so debe engadir aceite e sal ao seu gusto antes de poñelo no microondas.

Actualmente Seagood traballa na distribución e comercialización destes produtos e posiblemente sexan os franceses os primeiros en probalos, inda que é de agardar que axiña estean tamén no mercado galego.

Arribas está tan seguro da calidade dos seus produtos que convida a calquera a pasar polo porto de Celeiro, previa cita, e probar as súas especialidades.

O próximo domingo en Arroz con Chícharos (Cadena SER Galicia, 12:30 horas) falaremos con Xosé Antonio Arribas sobre este tema. E tamén falaremos de augardentes e licores tradicionais galegos co presidente do seu consello regulador, Evaristo Rodríguez.


© 2007 Colineta | Curved 3-Columnas por Felix Ker & JustSkins.| Traducido por Trazos Web & Arquitectura