“Milfollas de porco con cabaciñas e mazá reineta”, do bar Costa Verde, foi elixida mellor tapa polo xurado do terceiro concurso Ribadeo de Tapeo, que rematou o pasado domingo na localidade mariñá.
Tamén houbo premios na modalidade de tapa creativa (Pavo recheo con salsa de peras, de O Cantón) e tradicional (Arroz de Rinlo, de La Cofradía).
Nesta terceira edición participaron 33 locais que presentaron 55 tapas. Todo un record para unha pequena localidade que non chega aos 10.000 habitantes e que se converteu en pioneira da celebración do concurso de tapas, servindo de referencia para moitas localidades de Galicia e Asturias.
Ata o próximo domingo 25 de maio un total de 33 establecementos hostaleiros de Ribadeo ofrecerán un total de 52 tapas no marco da terceira edición do concurso de tapas Ribadeo de Tapeo. Lamentablemente este ano non poderei formar parte do xurado, como nas dúas edicións anteriores, por estar fora de Galicia a próxima fin de semana, na que se producirá o fallo.
Ribadeo de Tapeo naceu como unha iniciativa da área de dinamización do concello e cunha preocupación: ¿cómo aceptarían os clientes ter que pagar a súa tapa nun concello onde se estila servir unha tapa de balde coas consumicións?. A primeira edición marcou a pauta, con moitos miles de tapas vendidas nunha semana, de maneira que nos anos sucesivos se incrementou de forma substancial o número de establecementos participantes no concurso, cunha oferta certamente destacada pola súa calidade para unha pequena localidade como é Ribadeo.
Claro que os hostaleiros ribadenses toman a cousa en serio. Hai xa bastantes días un dos participantes buscaba consello sobre a súa proposta entre os lectores do blog Salsa de Chiles. Semella que as opinións recibidas foron do seu agrado, xa que presenta ao concurso a tapa para sobre a que pedía consello: confit de pato con falso risoto de xamón e pataca confeitada.
Na oferta dos hostaleiros ribadenses un pode atopar de todo, dende as receitas máis tradicionais (cazola de rabo, guiso de polbo, salpicón, tortilla, empanada, arroz caldoso de polbo) ata outras moito máis elaboradas (solombo de porco ao chocolate con pementos confitados, chula de millo doce con marmelada de pemento doce, gelee de berberechos con crema de gambas aceite de rúcula e gambas en tempura). Naturalmente, non poden faltar as tapas “sorpresa”: tentetieso da miña avoa Marcela, boi con boina, mar de fondo, feira do mar…
Sen dúbida é unha boa desculpa para visitar na próxima fin de semana a Mariña.