
“Excelente” é a cualificación oficial outorgada polo consello regulador da denominación de orixe Rías Baixas á colleita de 2007. Segundo o seu presidente, Xosé Ramón Meiriño, a decisión “foi moi meditada, non porque se discutira a calidade da anada, senón porque se pretende buscar parámetros que nos obriguen a ser moito máis esixente na cualificación dos nosos viños”.
Segundo o departamento técnico do consello regulador, nos viños de 2007 destaca a “excelente graduación e un niveis de acidez moi ben equilibrados”, con rendementos uva/mosto inferiores aos de anos anteriores e “mostos moi aromáticos e con bo equilibrio grado-acidez”. Na cualificación tamén se tiveron en conta outras evidencias, tales coma os premios concedidos neste ano aos viños da denominación de orixe.
Mañá en “Arroz con chícharos” (Cadena SER Galicia) falaremos destes temas con Xosé Ramón Meiriño, presidente do consello regulador, que o pasado mércores en Madrid, no transcurso da presentación da anada aos xornalistas gastronómicos madrileños destacaba o incremento das exportacións de Rías Baixas rexistradas no último ano: un 60 por cento máis que o ano anterior.
Entre xoias
No recente viaxe polo Ampurdán visitei as instalacións de Vins i Licors Grau, en Palafruguell, o segundo distribuidor de viños e licores de España por volume de negocio. Doce millóns de botellas saen cada ano dos seus almacéns camiño de restaurantes, tendas e supermercados. E tamén dos domicilios particulares, xa que a firma dispón dunha tenda aberta ao público na que ofrecen máis de 8.000 referencias de viños e licores.
Un dos espazos máis destacados é o destinado ao que os propietarios denominan “grandes viños” con, naturalmente, grandes prezos. O espazo dos grandes viños está climatizado, con 17 grados de temperatura estable e humidade controlada. As mesmas condicións ten o almacén de 1.200 metros cadrados onde se gardan as botellas destinadas a repoñer as que se venden na tenda. Máis de 6.000 euros marcaba a botella máis cara, da que nin me molestei en anotar a marca xa que non teño previsto comprar ningunha caixa del nos próximos días.
Como non podía ser doutra maneira, entre os grandes viños de Vins i Licors Grau había tamén unha representación de caldos galegos. Pequena pero escollida: Organistrum (Rías Baixas), As Sortes (Valdeorras) e Emilio Rojo (Ribeiro). No almacén de grandes viños tamén vin catro caixas de Nora (Rías Baixas), referencia na que non repara na tenda. O Organistrum, xa se ve na foto, cotizábase a máis de 14 euros, mentres que As Sortes supera os 21 e o Emilio Rojo os 24. No almacén non había prezos, así que non sei a como ía o Nora.
Sorprendeume atopar nesa parte da tenda un viño doce de marca “De puta madre”, así que non me puiden resistir a facer a pregunta chistosa do día: “¿Haberá logo un ‘El vino que vende Asunción’?”. “Non, ese non hai” foi a resposta do meu acompañante, un dos catro propietarios do negocio.