- “Os que eu vendo non pica ningún” asegura a pementeira de Herbón ante a cesta de pementos que acaba de apañar no seu invernadoiro.
- “Pero a min gústame que algún pique” dígolle, ao que me contesta que non hai problema, que ela me ha poñer polo medio algún dos que pican.
- “Así que vostede sabe distinguir os que pican dos que non”, digo, tirando as redes unha vez máis a ver se por fin consigo que alguén me diga cómo se distinguen uns dos outros.
A pementeira mírame como se me perdoase a vida e exclama algo irritada: “Levo toda a vida entre os pementos porque aos seis anos xa ía ao mercado vendelos, así que os distingo á primeira”. É o momento de preguntar cales son as señas dos picantes, pregunta á que por toda resposta recibo un pemento na man e a afirmación “Este pica”.
Miro e vexo que se trata dun pemento grande. Así que boto a primeira: “Pican os grandes, eh!”. A resposta é outro pemento, esta vez pequeno, e outra lacónica afirmación “Este tamén pica”.
Hai que volver a comezar. O primeiro pemento ademais de grande era curto e gordo, así que vou por esa vía e a muller volve a responder da mesma maneira: ponme na man un pemento longo e estreito e di que aquel tamén pica.
Aínda me queda un último recurso. “Tamén hai quen di que se distinguen pola pel, que os picantes a teñen máis transparente e os que non pican máis opaca”, digo. A resposta é contundente: “Xa”.
E antes de que eu poida dicir nada máis a muller comeza a falar de novo: “Mire, o que sae retorto, sae retorto e xa non hai quen o enderece. Pasoume cos fillos, que de pequenos ían á pasantía porque daquela non había guarderías, e dous saíron da pasantía sabendo ler e escribir, pero co outro non houbo maneira...”. A muller segue explicándome como o mestre da pasantía fora desculparse por non ter sido capaz de conseguir nada del, e como foi ela a que conseguiu poñelo no bo camiño, e como os nenos aprenden á primeira inda que algúns é difícil sacárllelo de dentro, e…
“Nada que facer, seguirei sen saber como se distinguen os picantes dos outros” pensei. Un momento despois a muller cambiou de conversa, colleu da miña man os pementos que ela dicía que picaban e explicoume o seu segredo. Levei aqueles pementos para a casa e fritinos. Picaban todos. E levei dos outros e non picaba ningún.
Agora, antes de revelar o segredo, espero escoitar as vosas teorías nos comentarios.